Carballo a un paso

Compartir:

"A arte é terapéutica"

Raquel Bello, psicóloga ao cargo dos obradoiros sobre expresión emocional e corporal

Raquel Bello

A psicóloga Raquel Bello

As emocións moven o mundo, pero a miúdo nós non sabemos como mover as emocións. Este será un febreiro emocional na Biblioteca Rego da Balsa. Profesionais de Oikos, centro que abrirá proximamente na vila, encárganse dos tres obradoiros dirixidos a nais, pais e cativ@s, que se impartirán ao longo destas semanas.

-Como xorde a iniciativa de organizar uns obradoiros sobre as emocións?

-Nós somos un centro que abrirá proximamente en Carballo, co nome de Oikos,  composto dun equipo multidisciplinar, onde participarán psicólogos, logopedas, fisioteraperautas e profesionais do mundo da arte (cine, teatro e danza). A filosofía do proxecto é crear un espazo para as emocións e prestar diversos servizos aos diferentes membros da familia familia. Oikos, en grego, significa familia, fogar. Son programas de menor a maior, con servizos para idades que van de 0 a 100 anos, por así dicilo, desde que a mamá está embarazada até as persoas maiores. Teremos programas para as nais xestantes, para bebés, para nenos, para adolescentes, para maiores...

-Cal vai ser a filosofía dos obradoiros?


-A idea dos obradoiros é ofrecer pinceladas do que serán os nosos programas, que  teñen sempre unha base emocional, co fin de darnos a coñecer e para ofrecer a presentación dun servizo diferente cun equipo multidisciplinar.

-Que se pode conseguir traballando coas emocións?

-O traballo emocional trata dunha maneira máis global a parte sa das persoas. Os nosos programas están orientados tanto a persoas sas como a persoas con calquera tipo de dificultades, psicolóxicas ou físicas. O tratamento das emocións favorece unha maior estabilidade psicolóxica, o equilibro emocional, o desenvolvemento da intelixencia emocional e a capacidade de socialización das persoas. Ten unha serie de vantaxes tanto físicas como psicolóxicas. Favorece o equilibro globalizado da persoa, unha maior autoestima e o desenvolvemento intelectual. É unha maneira positiva de tratar as problemáticas 

-E iso ídelo traballar botando man das disciplinas artísticas…

-Tratamos de ofrecer un servizo no que se combinen profesionais sanitarios coas técnicas da arte, por exemplo a danza emocional. Imos intentar potenciar a parte sa desa persoa, dunha maneira positiva. A arte en si é terapéutica.

"A emoción ao final é o que nos move, o que nos converte en patolóxicos cando non están ben xestionadas, pero ninguén ensina a xestionar as emocións…"

-Que vantaxes ten botar man da arte como terapia?

-Podemos adestrar habilidades sociais, falar en público, reducir o nivel de timidez das persoas, as fobias, aprender de oratoria, mellorar o traballo en equipo, a autoestima, a visibilidade social...

-A intelixencia emocional segue a ser pouco traballada hoxe en día?

-Fai moito que se fala de intelixencia emocional mais non hai unha materia que se dedique á intelixencia emocional. Adoita quedar en mans do mestre que toque na aula. Os profesionais que están en contacto coas novas xeracións moitas veces non están formados en intelixencia emocional. A emoción ao final é o que nos move, o que nos converte en patolóxicos cando non están ben xestionadas, pero ninguén ensina a xestionar as emocións…

-Como están enfocados estes tres obradoiros que impartides en febreiro?

-O primeiro foi de masaxe maternal. Consistiu en facerlle unha masaxe aos nosos bebés poñendo en prácticas técnicas de comunicación non verbais. Trátase de aprender a encontrar o momento no que xorde unha comunicación bidireccional entre o bebé e o papá e a mamá, e de aprender a comunicarnos coas mans, co noso corpo, e a entender a unha personiña que non fala. É unha masaxe de carga e de descarga. Procúrase que os bebés poidan descargar a súa enerxía, o estrés, o nerviosismo, a tensión que vai acumulando ao longo do día.

-O segundo dos obradoiros vai dirixido á primeira infancia e bota man da mímica. Como vai ser?

-É o primeiro obradoiro no que contamos cunha persoa que vén da arte, cun músico. Compuxo unha canción especificamente para este obradoiro, que tocará en directo. Facemos unha especie de interpretación de fondo. Imos traballara comunicación non verbal, representando ese conto co noso corpo.

-O último dos obradoiros bota xa man da danza para traballar con nenos e nenas xa máis maiores…

-O terceiro é un taller de danza e expresión corporal .Vai estar moi centrado na expresión corporal. Os nenos farán uso da música para expresar as emocións, mediante o emprego de instrumentos como tambores, maracas, xilófonos…. O fin, como no resto dos obradoiros, a xestión das emocións en diferentes idades cun carácter positivo e que permita un desenvolvemento equilibrado.

*Máis info no blogue da biblioteca Rego da Balsa.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica