Carballo a un paso

Compartir:

"Eu trato de transmitir o que me produce a min tocar, que é moita ledicia"

Begoña Riobó, violinista

Esa rapaza que, con 15 anos, e xa algo tarde, comezou a aprender  a tocar o violín, pouco podía imaxinar que acabaría sendo definida como a violinista galega con maior proxección. A súa foi unha aprendizaxe autodidacta, de oído, porque non atopou onde aprender violín cos ritmos galegos tradicionais. Este venres estará en Carballo, ás dez na Praza do Concello, presentando xa temas do que será o segundo disco da súa formación.

-Como está sendo para "Riobó", a túa banda, o verán?

-A verdade é que este verán está sendo bastante activo, a pesar deste parón por mor da crise. Levamos xa uns anos bastante bastante parados pero este ano hai un lixeiro repunte. Tamén ti adaptas un pouquiño os cachés, pero ademais semella que a xente ten menos medo a saír e a consumir, tamén música. Estamos, ademais, a preparar un novo traballo discográfico, que agardamos ter no próximo ano, e do que xa presentaremos temas no concerto en Carballo.

-Que nos podes adiantar dese novo proxecto?

-Imos a seguir amosando o que o grupo fai nos seus directos. Nós baseámonos na música instrumental. O primeiro disco estaba baseado case na súa totalidade sobre temas en repertorio de gaita adaptado ao violín e á sonoridade do grupo. O grupo está conformado por cinco persoas e temos gaiteiro, pero o violín é pedra angular. Nese primeiro traballo, a música estaba sacada do repertorio tradicional galego con algún outro tema de autor, como o  que compuxo Xosé Liz, mais con raíz galega. Neste próximo traballo, a xente do grupo xa está empezando a introducir as súas propias composicións, aínda que baseándose no repertorio tradicional, sen retorcer demasiado as fontes, os ritmos e xéneros dos que bebemos. No primeiro disco, eu marquei un pouco máis a pauta. Agora xa todos estamos moito máis implicados no proceso. Iso é o que se ofrece o novo disco, que agardo que saia a finais deste ano.


-Como vai o proceso de preparación deste novo traballo? En que fase estades?

-Estamos rematando os arranxos do repertorio. Agardamos ter unha primeira maqueta en setembro para ver se nos convence todo e en outubro-novembro gravalo. A nós gústanos gravar como se fora en directo, sen claquetas nin guías, non por pistas ou por instrumentos illados, senón todos xuntos. É difícil facer edición sobre iso e por iso o traballo é un pouco máis lento pero creo que o resultado final merece moito a pena.

Tradicional e exótico

-É a primeira vez que estás en Carballo?

-É a primeira vez que vou co meu grupo, pero xa estiven en Carballo bastantes veces. Eu sigo formando parte da orquestra Sondeseu, e con ela estivemos varias veces. Son conscientes de que Carballo é un dos poucos concellos en Galicia que aposta pola cultura galega, xa non só pola música tradicional. Xente con esa conciencia é moito de agradecer. Vese nos carteis do que se programa cada ano a presenza da música e da arte galega.

-Que sensacións queres transmitir sobre do escenario?

-En principio, eu trato de transmitir o que me produce a min tocar, que é moita ledicia. Eu sempre convido á xente a bailar. Facemos música moi acústica e podes simplemente escoitar e pararte nos detalles pero eu como máis gozo e vendo que a xente participa no proceso. Se estou tocando unha muiñeira e a xente baila, cobra moito máis sentido. O que pasa é que a xente é moi tímida. Eu agardo que participen como queiran: ou escoitando ou bailando.

-Tes dito que a violinistas doutros países lles sona como exótico o violín tocando música tradicional galega…  

-Eu aprendín moito escoitando os músicos escoceses, irlandeses… Pero logo decateime de que a música coa que me sentía identificada era galega. Collín referencias dos gaiteiros e dos violinistas galegos, baseándome sempre na música tradicional galega. Cando a estes violinistas estranxeiros lles tocas, si que notan algo distinto. Temos cousas en común -a min gústame falar das músicas atlánticas, máis que célticas- pero a música galega ten, ademais, algo de América do Sur, algo de Portugal,… e iso é o que resulta exótico.

Autodidacta

-Es profesora na E-TRAD, a escola municipal de Vigo de música folk e tradicional. Es docente por vocación ou por necesidade?

-Se puidera vivir só de tocar encantaríame, pero a cousa está bastante complicada e a saída natural para un músico sería a docencia. Parece que é o parrulo feo o de dar aulas. Ao principio foi como unha axuda para saír adiante, pero rematas descubrindo moitas cousas. Eu agora tampouco entendería a miña vida sen esa parte da docencia, xa non só polo que aprendes de ti mesma para transmitir o que sabes. É tamén aprender da xente á que estás ensinando. E, por outra parte, ademais de ensinarlles a tocar un instrumento, ábreslle a porta á conciencia sobre a música. Acabo formando público. Os meus alumnos agora valoran moito máis o que ven sobre o escenario cada vez que van a un concerto.


-Ti como chegaches a formarte na música tradicional? Nos conservatorios oficiais non adoita haber este tipo de ensinanzas…

-Eu tiven bastante sorte. Na E-TRAD son docente de arpa céltica e eu tiven sorte de ter mestre de arpa céltica. Aprendín a tocalo no que foi o xerme da E-TRAD e alí xa había xente con moita valía. A min ensinoume Rodrigo Romaní. Como violinista si que me formei de modo  autodidacta. Entón valoro esas dúas vías: todo o que aprendes soa, a través do oído e da busca, e logo  todo o rápido que podes ir se tes unha persoa que te guía, que foi o que fixo Rodrigo.

Aprendendo d@s grandes

-Cando comezaches co violín?

-Co violín empecei bastante tarde, con 15 anos. Daquela non había conservatorios de música tradicional, e a única opción era a través da ensinanza regrada ou con profesores particulares, pero sempre dentro da música clásica. Eu sempre tiven inquedanza sobre a música tradicional. Estiven estudando tres ou catro anos violín clásico, pero de modo paralelo sempre tratei de tocar música tradicional porque era a música que máis me movía. Cando tiven que tomar unha decisión, decidinme pola música tradicional pero esa vía tívena que camiñar eu soa, de modo autodidacta, aprendendo dos discos que chegaban ás miñas mans.  Eu collín unha profesora particular en Vigo e ía pouco a pouco. Non tiña idea de chegar a ser profesional. Simplemente apetecíame e ao final foi algo que me enganchou. Eu collía o instrumento todos os días e practicaba porque me apaixonaba e ao final acabou converténdose na miña ferramenta de expresión. A música tradicional funa asumindo eu, tratando sacar cousas de oído do que escoitaba: Muxicas, Milladoiro, música de gaita…  


-Supoño que tamén aprendeches moito da xente coa que tocaches: Carlos Núñez, Susana Seivane, Anxo Lorenzo, Sondeseu…  

-Aprendes o oficio, a estar enriba dun escenario, ter un grupo, ou ser máis ou menos profesional da música,… Eu case sempre estiven implicada nas bandas de gaiteiros, e iso obriga a adaptarte á súa forma de tocar, e tamén aprendes. Con Carlos foron sete anos traballando xuntos, e ademais el tiña esa idea de fusión con outras músicas. Colaborei con Anxo Lorenzo, cun outro concepto moi virtuosístico, mais preto do que sería música irlandesa. Estiven con Susana Seivane, unha muller alucinante,  un monstro do escenario, e aprendín moito de vela enriba do escenario e do seu trato co público. É unha profesional impresionante. Con Sondeseu, foi moi bonito porque levo dende que se formou. Ao principio era xente que saía da escola da música tradicional que en moitos casos nunca se subira a un escenario. O comezo foi tremendamente máxico. É impresionante pola enerxía que produce. Eu pásoo moi ben con eles. Evidentemente estás moi dirixida. Son arranxos feitos para orquestra por xente que coñece moi ben a orquestra e é un gustazo poder participar desa experiencia.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica