Carballo a un paso

Compartir:

"A xente segue apostando por facer unhas boas vodas, aínda que con menos comensais"

Belén Lage, á esquerda da foto, e Marisol Senande, á dereita

Belén Lage, á esquerda da foto, e Marisol Senande, á dereita

Á fronte dos fogóns de Punta del Este recíbennos Marisol Senande e Belén Lage. Marisol traballa ao mediodía e Belén, polas noites. A elas acudimos para saber máis sobre a cociña de Punta del Este, un restaurante ben coñecido tanto pola xente de Carballo (se es do concello ou dos arredores, seguramente teñas celebrado nel algún banquete nupcial) como para moitos e moitas dos que aquí se aloxan, pois é, ademais, o principal hotel da zona, con 48 cuartos e capacidade para un cento de persoas.

-Que tipo de clientela tedes?

-Marisol Senande: A mediodía,  traballamos máis con cociña tradicional. Adoitan ser menús fortes para xente que traballa como obreira: cocidos, carne á grella, fabadas, caldos… O menú componse de dous primeiros a elixir (sopa caldo, ensalada, entremeses, pasta,…), de dous segundos tamén a escoller (polo xeral algo á grella ou de pota), café, sobremesa e bebida.

-Belén Lage: Pola noite é máis relaxado. É xente que vén de traballar, que  está hospedada no hotel e que adoita comer máis lixeiro. Acostuman tirar do menú e, sobre todo, moito do peixe (pescada, dourada, robaliza, rodaballo…) Hai moita clientela de anos, xente que traballa en empresas como Calvo, e que se hospeda aquí. Tamén hai persoas de paso, que van e veñen: viaxantes, comerciantes…  

-Tamén facedes vodas. Aí a cousa cambia…

-M.S.: Bastante. 

-Que adoitan pedirvos para as vodas?

-M.S.: Mariscos (dous, tres, catro mariscos…), un ou dous peixes, e unha carne. Os mariscos máis traballados son a cigala e o lumbrigante. O peixe adoita ser rodaballo, linguado, peixe sapo…

-Canta xente se pode xuntar nunha voda?

-M.S.: Até 400 persoas, tranquilamente.

"O turista adoita pedir máis a carta: entrecosto, costeleta, peixe e marisco á grella, linguado… Piden produto da zona, sobre todo gambón, polbo, ameixa…"

-Notades a crise nas vodas?

-M.S.: Nótase en que se convida  menos xente, pero non no menú. A xente segue apostando por facer unhas boas vodas, aínda que con menos comensais

-Algunha vez vos teñen pedido algo especial?

-M.S.: Nalgún caso téñennos pedido a queimada co conxuro incluído.

-No verán, veñen moitos turistas?

-B.G.: Si, sobre todo ao mediodía, e pola situación do local, na entrada e na saída da autoestrada cara á Coruña.  Adoita ser xente que marcha cara a Fisterra, Malpica…

-Hai diferenza nas preferencias entre turistas e xente que está aquí por traballo?

-B.G.: O turista adoita pedir máis a carta: entrecosto, costeleta, peixe e marisco á grella, linguado… Piden produto da zona, sobre todo gambón, polbo, ameixa…, cando menos, pola noite, que é cando eu cociño.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica