Carballo a un paso

Compartir:

Carballo únese ao Proxecto Anllóns para poñer en valor o noso río

A Deputación impulsa esta iniciativa para desenvolver o turismo a través de actividades que teñan o caudal como eixo central

Bosque do Añón | 📷 Turismo Carballo

O río Anllóns ao seu paso por Carballo| 📷 Turismo Carballo

2 de agosto de 2021 - Carballo únese ao Proxecto Anllóns, unha iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña para activar proxectos que poñan en valor o río máis importante do noso municipio -que vertebra así mesmo toda a comarca de Bergantiños- ademais de desenvolver o turismo sostible a través do noso caudal. Tamén participan na iniciativa os concellos da Laracha, Cabana, Coristanco e Ponteceso co obxectivo de crear un ente de cooperación intermunicipal que permita xestionar e impulsar o proxecto. Este organismo será o encargado de xuntar os medios persoais e materiais e os recursos económicos para promover e xestionar de forma conxunta o proxecto de posta en valor da arquitectura tradicional e da paisaxe do río Anllóns.

Os concellos da Laracha, Cabana, Coristanco e Ponteceso tamén participan na iniciativa

O río Anllóns, que conta con máis de 54 quilómetros, será o eixo central de todas as iniciativas que se leven a cabo a través deste proxecto, relacionadas co sendeirismo, a interpretación da natureza ou o patrimonio e outras. A Deputación da Coruña vén de aprobar o convenio que axudará a vertebrar a iniciativa, que terá unha duración inicial de 4 anos. É un dos primeiros pasos para que o proxecto se faga realidade e as súas bases detallan o procedemento a levar a cabo para a xestión conxunta dos recursos, para o que deberá redactarse unha memoria e un plan director. O espazo de cooperación estará impulsado e dirixido a través dun órgano colexiado que se denominará Consello de Dirección e que estará formado por dous representantes de cada un dos concellos participantes, incluída a Deputación da Coruña, que prestará tamén apoio administrativo, asesoramento xurídico e económico.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atlántica