Carballo a un paso

Compartir:

Queres gañar unha semana de surf? Pois #SurfeaCarballo!!!

Que hai que facer? Tirar unha foto surfeira e publicala nas redes sociais seguindo as instrucións das bases: sorteamos 4 estadías para dúas persoas!

Surfea Carballo

26 de marzo de 2021 - Carballo é sinónimo de surf. En calquera momento do ano podemos ver as táboas e os neoprenos entre as ondas de calquera das praias do municipio. Ademais, formamos parte da candidatura conxunta da Costa da Morte para converterse en Reserva Mundial de Surf ante a ONG Save the Waves e contamos con numerosas escolas de surf no municipio. Por iso queremos convidar a todos as surfeiras e surfeiros ou a calquera persoa que estea interesada en coñecer este deporte a pasar unha semana de surf gratis no noso Concello.

E qué tendes que facer para poder vir? Participar no sorteo que faremos nas redes sociais de Turismo Carballo de 4 estadías dunha semana para 2 persoas en pensión completa en catro das escolas de surf de Carballo, incluíndo as clases de surf. Aquí vos explicamos polo miúdo o que tendes que facer:

BASES DO SORTEO

  • Poderá participar no sorteo calquera persoa maior de 18 anos.
  • Para entrar no sorteo, os/as participantes deberán publicar unha fotografía de autoría propia no seu muro de Instagram, Facebook ou Twitter entre o xoves 1 e o venres 30 de abril relacionada claramente co surf: unha táboa, un neopreno, xente practicando surf, unha ou varias persoas preparadas para practicar surf... Cada usuario ou usuaria das redes sociais só poderá participar cunha imaxe.
  • O/a participante ten que ter o seu perfil social público.
  • Deberá etiquetar na foto ao perfil de Turismo Carballo de Facebook, Twitter ou Instagram:
            https://www.facebook.com/turismodecarballo
            https://twitter.com/TurismoCarballo 
            https://www.instagram.com/turismocarballo/

  • Na publicación ten que figurar o hashtag #SurfeaCarballo 
  • Non concursarán as publicacións efémeras como “Stories” ou “Fleets”. Os participantes deberán realizar a publicación no seu muro ou timeline.

  • As fotografías terán que ser orixinais. O/a participante manifesta e garante que é o único titular de todos os dereitos de autor sobre a fotografía que se presenta ao sorteo e responsabilízase totalmente de que non existan dereitos de terceiros nas obras presentadas, así como de toda reclamación de terceiros por dereitos de imaxe.
  • Se na fotografía ou vídeo aparecen outras persoas, o/a participante deberá ter permiso expreso das mesmas para publicar o devandito contido.
  • Non se admitirán contidos de carácter racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razón de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade. Non se aceptan as publicacións que conteñan apoloxía do terrorismo ou da violencia, ou que apoien violacións dos dereitos humanos. Non se admiten publicacións con contidos ou ligazóns que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor. Non se aceptarán as publicacións con contidos, ligazóns ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.

PREMIO

  • As autoras/autores de cada fotografía publicada que cumpra cos requirimentos esixidos participarán nun sorteo de 4 estadías de 6 días para dúas persoas a pensión completa nalgunha das escolas de surf do Concello de Carballo que poderán desfrutarse na 1ª quincena de setembro de 2021 ou, no seu defecto, cando as condicións sanitarias da COVID-19 o permitan. No sorteo determinaranse tamén 5 suplentes que poderán obter o premio en caso de renuncia ou non comunicación dalgún/dalgunha dos/das gañadores. O sorteo será público e anunciarase a súa data coa suficiente antelación na web do Concello www.carballo.gal e nas propias redes sociais de Turismo Carballo, onde tamén se publicarán os resultados.

Así que xa sabedes, facede unha foto, subídea ás redes sociais e vinde a surfear a Carballo!


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atlántica