Carballo a un paso

Compartir:

Instalada en Vilela unha mesa interactiva que muda o miradoiro nun mini museo ao aire libre

Unha subvención da Axencia de Turismo de Galicia facilita a creación deste recurso que permite o acceso a mapas, vídeos, rutas ou imaxes 360

Vista da mesa panorámica

Vista da mesa panorámica | 📷 Turismo Carballo

11 de novembro de 2020 - Xa está instalada no miradoiro de Vilela unha mesa panorámica coa que os e as visitantes poderán coñecer todos os segredos da costa carballesa mentres a teñen diante. Este novo recurso turístico, que acabou de instalarse esta semana, pretende facilitar o coñecemento do territorio e o aproveitamento do miradoiro, xa que as persoas que se acheguen ata este punto -situado xusto fronte ao impresionante espazo natural de Razo-Baldaio- poderán interpretar, utilizando un smartphone, os recursos naturais e patrimoniais máis destacados da zona a través de textos e elementos multimedia incluíndo fotografías, audios e vídeos. Complétase así a rede de miradoiros do Concello que xa conta con outros puntos de interese patrimonial e paisaxístico no Monte Neme, en Santa Mariña ou na ermida de Santa Irene, entre outros.

Os visitantes terán acceso a información útil sobre a costa carballesa, ademais de poder crear as súas propias rutas

O acceso á información realizarase a través de antenas NFC que, integradas no mesa, permiten obter a información con só achegar o dispositivo móbil ao panel. Isto representa un elemento de accesibilidade importante, xa que facilita o acceso á información por proximidade, sen necesidade de introducir ningún tipo de información ou abrir aplicacións específicas (lector QR, etc…). O sistema permite ao visitante realizar unha navegación dende o miradoiro ata o recurso que lle interese, compartir información, ver os recursos sobre un mapa, crear rutas... E todo iso en tres idiomas -galego, castelán e inglés- e dun xeito accesible. Así mesmo, o miradoiro conta cunha completa ficha Web, desde a que o usuario poderá gozar dunha experiencia inmersiva a través dunha imaxe 360 interactiva, accedendo a contidos multimedia dos recursos da contorna coma se estivese neses lugares. Todo o sistema funciona como un mini museo ao aire libre.

Rede de miradoiros iViewpoint

Ademais, grazas á instalación da mesa, o miradoiro pasará a formar parte da rede de miradoiros iViewpoint, proxecto que conta co apoio do Ministerio de Cultura e que ten como obxectivo xeral a creación dunha rede de miradoiros tecnolóxicos musealizados, favorecendo a súa promoción a través de Internet e das redes sociais mediante experiencias interactivas e inmersivas. O proxecto é posible grazas á Axencia de Turismo de Galicia que concedeu unha subvención de 4.679,67 euros sobre un custo total de 7.199 euros.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica