Carballo a un paso

Compartir:

Carballo e a Costa da Morte empezan os trámites para ser Reserva Local de Surf

Despois de non conseguir este ano a declaración de Reserva Mundial, comezan xa os pasos para mellorar a candidatura de cara a 2021

Surf en Razo

Surf en Razo | 📷 Turismo Carballo

Carballo xunto cos outros trece concellos da Costa da Morte empeza os trámites para declarar a zona como Reserva Local de Surf. Ademais, nunha xuntanza celebrada estes días, aprobouse presentar de novo a candidatura para converternos en Reserva Mundial de Surf, despois de que no proceso de 2020 a proposta da Costa da Morte chegase até a última fase que, finalmente, gañou Playa Hermosa da Costa Rica. O vicepresidente da Deputación da Coruña e Concelleiro de Turismo de Carballo, Xosé Regueira, anunciou que a Costa da Morte volverá presentar candidatura en 2021 ante a ONG Save the Waves Coalition –encargada de conceder o distintivo– cunha aposta "máis forte, xa que pasamos a primeira proba e aprendemos dela. Agora temos que sumar máis apoios institucionais e sociais e defender o proxecto con todos os nosos recursos".

Catorce concellos aprobarán nos seus plenos a declaración institucional da Costa da Morte como Reserva Local

Por ese motivo os concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Muxía e Vimianzo aprobarán proximamente nos seus plenos unha iniciativa para declarar a Costa da Morte, Reserva Local de Surf, un proxecto que será impulsado pola Deputación da Coruña e contará co apoio da CMAT. Ademais, de cara a 2021 buscarase o apoio decidido do sector social, o empresarial, o cultural ou o deportivo."O apoio e a cohesión do proxecto é fundamental polo que convidamos outras administracións a participar e buscaremos que a comezos de 2021 a candidatura estea consolidada xa que temos un territorio espectacular, cada vez máis surfistas nas nosas praias e debemos buscar que a sostibilidade sexa a nosa folla de ruta", apunta Regueira, que destacou como unha das fortalezas o traballo conxunto e coordinado dos distintos axentes.

Espazo natural de gran valor

O embaixador da candidatura da Costa da Morte, David Blanco, apuntou que "a potencialidade da zona é inmensa e as ondas de moita calidade, con zonas naturais moi conservadas que marabillan a quen as visita co cal existe unha grandísima oportunidade que vai achegar moito á xente deste territorio". Defendeu tamén a necesidade de considerar as ondas "como un patrimonio de valor incalculábel, que nos permiten gozar delas e tamén dan riqueza económica". A declaración de Reserva Local de Surf que se aprobará nos plenos, recoñece as ondas como "un valor a protexer, e unha ferramenta para acadar o desenvolvemento económico sostible arredor do surf". Neste sentido, os concellos manifestan o seu compromiso por velar " pola identidade ecolóxica e natural de carácter medioambiental do territorio, a través da protección das ondas e os ecosistemas das praias".

Aproban tamén o recoñecemento do valor "das rompentes de surf, e o seu compromiso por velar de forma activa pola súa protección" para o que os concellos se comprometen a observar, valorar e avaliar calquera actuación que se desenvolva e que poida afectar ás ondas e rompentes de surf do seu espazo litoral, co fin de ver a posible afectación destas de calquera actuación que se leve a cabo.Finalmente, os concellos apostarán pola "utilización do surf como ferramenta para acadar o desenvolvemento sostible dos concellos de costa que conforman a Costa da Morte". Comprométense así á protección e conservación das ondas e ecosistemas locais, a valorar e ampliar a cultura do surf no territorio e a apostar polo desenvolvemento do surf como fonte de xeración de emprego e de crecemento económico sostíbel.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica