Carballo a un paso

Compartir:

Natureza en marrón e laranxa coas rutas do Outono en Marcha

Un ano máis Senda Nova conta coa colaboración do Concello para poñer en marcha este programa que percorre Carballo e a comarca de Bergantiños

IX Outono en marcha


Xa hai nove anos que a Asociación Ambiental Senda Nova organiza cada outono un programa de rutas por Carballo e a comarca no que se percorren os camiños e corredoiras de Bergantiños durante os domingos de outubro e novembro, un momento do ano no que a beleza da natureza tínxeo todo de laranxas, marróns, ocres... Durante estes roteiros, que duran todo o día, xorden curiosidades, anécdotas e moita información útil de cada un dos puntos de interese dos percorridos, nos que ademais pode desfrutarse da paisaxe e do sendeirismo en boa compañía. Para esta tempada 2020 inclúense seis propostas entre o 18 de outubro e o 29 de novembro: Razo-Baldaio para protexer, Vía Alcaianus, Terras do Marqués, Senda das Capelas, Vía Alcaianus, Ruta das Férvedas e Pegadas do Volframio pasando polos municipios de Carballo, A Laracha, Coristanco e Malpica de Bergantiños.

As inscricións poden formalizarse dende dous días antes da celebración de cada roteiro tanto na base de Protección Civil de Carballo (Edif. Ambulatorio vello. Carballo 2º andar) de luns a venres  de 9.30 a 13.30 horas; como no Museo de Bergantiños os mércores de 17.00 a 19.00 horas; e tamén no Espazo da Natureza de Oza os xoves e venres de 17.00 a 20.00 horas. +info no Facebook ou no enderezo electrónico de Senda Nova <asociacion@sendanova.org> e no teléfono 611 037 617. O prezo para participar é de 6 € para adultos/as e de 3 € para menores de idade. Os socios/as de Senda Nova maiores de idade pagan 3 € e 1 €, os menores.

RUTA A RUTA

Respecto do calendario de rutas (todas con saída desde Carballo ás 8.15 horas dende a sede de Senda Nova na rúa Venezuela), as súas características son as seguintes: 

  • Senda das Capelas: 18 de outubro. Terra de zapateiros no interior profundo da Laracha. Polo interior do concello da Laracha alóngase unha das parroquias máis grandes da comarca, a de Montemaior: a única pola que camiña unha ruta salpicada de capelas. Algunha destas construcións enmárcanse en fermosos paraxes de silencio e en varias delas afloran lendas e tradicións nas que aínda latexan cultos precristiáns. Como nexo do percorrido, o curtidoiro de Cumiáns. Un agradable espazo de 1852 acompañado de cabazo, casa e muíño en funcionamento. Un lugar detido no tempo e en plena consonancia con esta terra de zapateiros. Dificultade: media. Distancia: 16 quilómetros.

  • Razo-Baldaio para protexer: 25 de outubroEcoloxía e paisaxe no Espazo Natural. Achegamento á espectacular paisaxe marítima do concello de Carballo, a cal se contempla case integramente. Xeoloxía, cultura e biodiversidade nun espazo natural que alberga un dos sistemas dunares mellor conservados de Galicia. Unha zona húmida que acolle interesantes especies de avifauna e como non, un dos areais máis extensos cun berce de luxo para a píllara das dunas, especie autóctona e protexida. Dificultade: media. Distancia: 14 quilómetros.

Férveda de Entrecruces

Férveda de Entrecruces

  • Vía Alcaianus: 8 de novembro. Tras das pegadas romanas dende a lagoa de Alcaián. A lagoa de Alcaián é un dos máis importantes humidais de Bergantiños e tamén o inicio dunha vía que pretende seguir os pasos dos camiños antigos, posiblemente de orixe romana. A ponte Lubiáns é un dos puntos estratéxicos dunha senda con continuo desnivel negativo que atravesa castros, pazos e fermosas corredoiras antigas enmarcadas con especies autóctonas. Camiños cheos de historia que entran na capital bergantiñá dende o berce da mesma vila. Dificultade: media-baixa. Distancia: 19 quilómetros.

  • Pegadas do Volframio: 15 de novembro. Historias de meigas e volframio dende o balcón de Monte Neme. Este percorrido ten un cheiro especial a historia a través do negro mineral tan prezado na II Guerra Mundial. Monte Neme é o balcón xefe de todo un itinerario para sacar proveito deste “Petón das meigas”. Un polo de atracción ancestral como mostran as numerosas lendas e vestixios a carón deste punto estratéxico da xeografía da comarca. As casas das minas, o castro do Rodo e sobre todo, a paisaxe explosiva dende o bico do monte conforman unha das rutas máis fascinantes. Dificultade: media. Distancia: 17 quilómetros.

  • Terras do Marqués: 22 de novembro. Pazos señoriais nas fértiles agras de Bergantiños. Case no centro xeográfico do concello máis extenso de Bergantiños atópanse estas dúas fértiles parroquias carballesas. Ardaña e Artes conviven a través do alto da Peniqueira, un balcón natural cheo de encantos e de historia que alberga presenza megalítica e un dos maiores castros da bisbarra. Estas dúas áreas de sementeira foron o lugar ideal para establecer construcións fidalgas. Os pazos de Gontade, das Pallas e, o de máis sona, Vilar de Francos, son paradas estratéxicas dunha senda que cautiva. Dificultade: media. Distancia: 14 quilómetros.

  • Ruta das Férvedas: 29 de novembroEspectaculares saltos de auga que estoupan na Depresión Meridiana. A Depresión meridiana é o compás que guía o percorrido dende Carballo ata a férveda de San Paio. Corredoiras cheas de encanto para unir saltos de auga formados pola citada valgada que percorre Galicia de norte a sur. Construcións relixiosas como as igrexas de Ardaña ou Entrecruces dividen un sinxelo itinerario a cabalo entre a montaña e os fértiles vales destas dúas parroquias e tamén da de Rus. O templo desta tamén nos acolle, e pasa por ser dos máis importantes da bisbarra, sorprendendo pola súa beleza e unha envexable grandiosidade multiplicada polo estratéxico do emprazamento. Dificultade: media. Distancia: 15 quilómetros.

Todas as rutas teñen prazas limitadas e as actividades poden sufrir modificacións das que se dará cumprida conta. Os percorridos realizaranse seguindo as medidas de proteción vixentes en materia de prevención contra a COVID-19 e a máscara será obrigatoria.


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atlántica