Carballo a un paso

Compartir:

Derrubando muros con pintura crea novas ferramentas para seguir medrando

A iniciativa de arte urbana estrea páxina web, sinalización interactiva, unidades didácticas para escolares e un novo rueiro de man

Captura de www.derrubandomuros.gal

Captura de www.derrubandomuros.gal

Derrubando muros con pintura, o proxecto de arte urbana do Concello de Carballo, medra para achegar ao maior número de persoas posible o museo ao aire no que se ten convertido a vila, con 66 murais de artistas chegados de todo o mundo espallados por toda a capital municipal. A iniciativa, que dende 2013 pretende mellorar e embelecer a faciana da nosa vila pintando paredes, muros, edificios e rexenerando espazos deteriorados, conta a partir de hoxe cunha nova páxina web <www.derrubandomuros.gal> na que se recolle toda a información relativa aos murais, aos artistas e á localización de cada obra para poder dispoñer dos recursos a un só clic de distanza.

Esta web ten o seu reflexo na sinalización interactiva de cada obra mediante paneis in situ dotados coas últimas tecnoloxías; e coa renovación do rueiro de arte urbana, no que aparecen recollidos todos os traballos, incluídos os da última edición do Rexenera Fest –festival de arte urbana que se celebra cada ano no mes de maio–. Ademais, o proxecto conta a partir de hoxe con dúas unidades didácticas para nenos e nenas de Primaria coa arela de achegar aos máis novos, a través dos centros de ensino, as obras de Derrubando muros con pintura.

O servizo de visitas guiadas para Derrubando muros con pintura é o máis solicitado na Oficina de Turismo

O obxectivo é dotar a veciños e veciñas e visitantes de novas ferramentas para desfrutar da iniciativa, que no último ano copou máis do 80 por cento das visitas guiadas realizadas no Servizo de Turismo do Concello de Carballo, con preto de medio millar de persoas rexistradas nos percorridos tutelados polos murais.

Derrubando online

Un momento da presentación das novas ferramentas

Un momento da presentación das novas ferramentas

A páxina web <www.derrubandomuros.gal> nace para achegar a todo o mundo a información relativa ao proxecto que fixo que Carballo teña un oco no mapa da arte contemporánea urbana. O obxectivo é unificar nun mesmo espazo todos os datos relativos aos murais, con seccións para cada obra en concreto nas que se inclúen as datas de creación, a temática e técnica da obra, información sobre as autoras e autores, etc. Ademais, poden realizarse buscas das pinturas por ano, autor, proxecto (Derrubando muros con pintura ou Rexenera Fest)…

Así mesmo, a información está dispoñible en galego, castelán e inglés, xa que o alcance da iniciativa ten carácter internacional, non só pola súa repercusión, senón tamén polas nacionalidades dos artistas convidados. A empresa encargada da realización da nova páxina é Imaxin Software, centrada en facer a navegación polo novo sitio o máis intuitiva posible, con imaxes de calidade, datos accesibles e a presenza dun mapa interactivo co que xeolocalizar cada obra.

Derrubando interactivo

Un dos paneis interactivos

Un dos paneis interactivos

Á información virtual recollida na páxina web hai que sumar que Derrubando Muros con Pintura  estrea unha sinalización nas rúas de Carballo para facer a información accesible para todas as e os visitantes da vila a través dun percorrido guiado virtual. Só fai falla dar un paseo e levar o  móbil para vivir a experiencia marcando un ritmo propio e coñecer igualmente todos os detalles dos murais. Carballo convértese así nun verdadeiro museo ao aire libre que está aberto as 24 horas e no que non hai que pagar entrada.

En cada mural hai un panel informativo no que constan o título da obra, o autor, o ano de creación, unha numeración por orde cronolóxica de creación do mural e un Código QR con toda a información sobre a obra artística, incluíndo un texto explicativo e imaxes da obra. O obxectivo é que cada quen viva e goce das pinturas como e cando queira. A sinalización incorpora ademais unha antena NFC (Near Field Communication) un sistema que se usa, por exemplo, no pago contactless das tarxetas de crédito ou no pago co móbil, e que permite que os e as visitantes accedan de forma case instantánea aos contidos se teñen activado no móbil o sistema NFC.

A sinalización correu a cargo da empresa Wireless Galicia e está financiada a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia co obxectivo de consolidar a oferta turística a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

Derrubando didáctico

Portada dunha das unidades didácticas

Portada dunha das unidades didácticas

As ferramentas de achegamento ao proxecto Derrubando Muros con Pintura complétanse coa creación de dúas unidades didácticas para nenos e nenas de Primaria. A iniciativa dá un paso máis cunha proposta para os centros de ensino que o soliciten e que pretende dar a coñecer o proxecto dunha forma transversal e divertida.

A primeira titúlase Derrubamos dúbidas, dirixida a alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria; e a segunda titúlase Da prehistoria ao postgraffiti, para rapaces e rapazas de 4º, 5º e 6º de Primaria. As dúas están centradas no coñecemento dos conceptos básicos sobre arte urbana e ao desenvolvemento das habilidades artísticas e creativas do alumnado, tomando como referentes os artistas das obras que poden atoparse polas rúas de Carballo. Propoñen actividades dinámicas e que inclúen saídas para ver os murais. As unidades foron elaboradas por Galipat Servizos Culturais, empresa especializada en servizos de didáctica do patrimonio.

Derrubando nas rúas

Por último, Derrubando muros con pintura completa a actualización e mellora da súa accesibilidade coa renovación do rueiro de arte urbana, que recolle as 66 obras, incluíndo as realizadas o pasado mes de maio na cuarta edición do Rexenera Fest. Conta tamén cun Código QR para acceder ao mapa online. Así, quen queira tamén pode achegarse aos murais deixándose sorprender e paseando co mapa de man polas rúas de Carballo.

Con Derrubando muros con pintura, Carballo posiciónase, coa axuda doutras iniciativas, na vangarda contemporánea cunha oferta cultural moi competitiva e de calidade, sen nada que envexar a outras cidades de maior envergadura poboacional. E agora, ademais, medra para achegar esta vangarda ao maior número de público posible.

Derruba con nós!


Ligazóns

Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader