Carballo a un paso

Compartir:

O Rexenera Fest segue medrando e convida a nove artistas a intervir en espazos estratéxicos do rueiro

O festival, que presentamos hoxe na casa do concello, ábrese nesta edición a outras disciplinas ademais da pintura en murais

Presentación Rexenera Fest 2017

Rolda de prensa de presentación do Rexenera Fest 2017

Carballo dobra a aposta polo seu festival de arte urbana. Se nas edicións de 2015 e 2016 foron cinco, o Rexenera Fest 2017 (do 29 de maio ao 4 de xuño) ofrecerá 9 espazos de gran formato e estratéxica localización no rueiro para que desenvolvan a súa creatividade outros tantos artistas de renome internacional: o italiano Jorit actuará na gasolineira da rúa Luís Calvo; o cambrés Yoseba MP, na Vila de Negreira; a arxentina Animalito Land, na Río Anllóns; o coruñés Sekone, na Alexandre Bóveda; Saturno, o barcelonés de Malgrat de Mar afincado en Los Ángeles, no Fórum; o mexicano de Michoacán, Curiot, na Gardenias; a coruñesa Iria Fafián, na Doutor Fleming; a barcelonesa Cita Vidal, Vázquez de Parga; e o pontevedrés Isaac Cordal erguerá unha instalación escultórica na rúa Saúde. A obra carballesa de Cordal resume tamén a ambición do Concello, que quere que o Rexenera Fest se abra a outras disciplinas artísticas e non sexa un monográfico de pintura mural.

Cartel Rexenera Fest 2107

Cartel anunciador do Rexenera Fest 2107

Nove creadores e nove propostas, case todas diferentes, aínda que varios dos acondicionamentos que o público poderá ver desenvolverse en vivo están moi próximos ao hiperrealismo, como outros se achegan á ilustración. En calquera caso, todos crearán as condicións para que en Carballo estoupe outro big bang de cor durante a última semana de maio e a primeira semana de xuño. O festival ten programadas dúas master class. O barcelonés Btoy introducirá aos participantes na técnica do stencil aplicado ao mural (29, 30, e 31 de maio), e o vigués Powone, un dos pioneiros do graffiti en Galicia, aprenderalle aos alumnos a técnica do aerosol (1, 2 e 3 de xuño). As clases prácticas terán como escenario a estación vella de autobuses. Os interesados en asistir (a inscrición é de balde ata cubrir as dez prazas ofertadas, ou ata o 26 de maio como data límite) deben enviar un email a este enderezo electrónico: masterclasses@rexenerafest.gal. Teñen que indicar a master class á que se apuntan (“Da foto ao muro”, o da técnica do aerosol, ou “Stencil aplicado ao mural”, o da técnica de stencil), ademais de nome e apelidos, idade, teléfono e email, formación (experiencia profesional, estudos relacionados, cursos etc.) e un portafolios adxunto ou link a o portafolios, web, blog ou similar.

Microconferencias, concerto e ruta guiada

A programación do Rexenera Fest 2017 complétase coas microconferencias do sábado 3 (tres, no canto das dúas do ano pasado), no Forum, ás 17.30; co concerto do festival, tamén o sábado, ás 22.00, na Praza do Concello, e no que actuarán Igmig, Alto Asalto, 2 Pasos e Thomas Dylan; e coa ruta guiado por todos os murais desta edición e algún das edicións pasadas, o domingo, ás 17.00, saída desde o Forum.

Presentación

Presentación Rexenera Fest 2017

Parga, Ferrero e Regueira, na presentación do festival

O festival presentouse hoxe na casa do concello nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Turismo, Xose Regueira; e a técnico dese departamento, Maite Parga. “O festival este ano vai intervir en zonas que, a nivel de rexeneración urbana, o pedían, e eu creo que algunha das intervencións vai ser bastante espectacular e vai causar inquietude durante os días que se estea facendo”, asegurou Regueira, quen salientou o apoio económico da Deputación da Coruña nunha edición que, co salto de cinco a nove murais, “supón un esforzo o dobre de complexo a nivel técnico, aínda que esperamos se vexa reflectido nun resultado que estou seguro que será espectacular e o mellor de todas as edicións”.

A tendencia máis salientable este ano entre os artistas convidados é o hiperrealismo

“Na selección de artistas para esta ano”, explicou Parga, “a tendencia máis salientable é o hiperrealismo, e iso parécenos que vai dar bastante que falar en Carballo”. A técnico de Turismo agradeceu a colaboración dos propietarios dos espazos nos que os artistas van intervir: “Este ano, cando lles presentamos o proxecto, a acollida foi espectacular”. “Son paredes grandes, moitas delas moi grandes, algunhas nunha situación bastante estratéxica en canto á visibilidade”. “As microconferencias”, rematou, “van na liña de afondar no que sería o proceso creativo”.

Para o alcalde, o Rexenera Fest forma parte “desa estratexia de transformación urbana, de modernización urbana, e tamén representa perfectamente a vocación da street art de que a arte non a hai que pechar entre catro paredes, senón que unha desas catro paredes ten que estar permanentemente exposta ao exterior e ao público”. “Carballo”, engadiu, “foi dos primeiros concellos en apostar por esta arte efémera e agora vemos que son moitos os concellos que se incorporan a esta aposta na que Carballo é xa un referente a nivel galego e internacional”. “Das obras do Rexenera Fest logo gozamos todos os días os que vivimos aquí; duns murais que contribúen á esta restauración e á esta humanización urbana e polos que algunha xente xa hai tempo que nos dí que estamos rozando o case imposible, que é ir facendo de Carballo un espazo agradable, un espazo menos duro, menos agresivo, onde é máis fácil convivir visualmente”.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Galicia Agader