Carballo a un paso

Compartir:

Derrapes, aceleróns, adiantamentos e moita emoción no 6º Autocross Carballo!

O sábado 17 de setembro o Circuíto de Motor de Bértoa acolle unha nova proba do Campionato Galego con máis de medio centenar de pilotos

6º Autocross Carballo

Xa están a piques de ruxir de novo os motores en Carballo! O Circuíto de Motor de Bértoa pecha a tempada de 2016 coa celebración do 6º Autocross Carballo, antepenúltima cita do Campionato Galego que terá lugar o sábado 17 de setembro. Os primeiros clasificados están moi preto uns doutros, e pelexarán por obter o maior número de puntos posible, xa que a proba de Carballo é a que conta con maior coeficiente antes de que remate a competición. Juan Puga, da escudaría Máis Motor, organizadora da cita coa colaboración do Concello, asegura que "vai ser unha proba moi disputada porque o campionato aínda está por decidir". Así, despois de Carballo tan só quedan as probas de Rianxo e Ourense.

Acción dende as 12.00h.

Os afeccionados e afeccionadas ao motor non teñen excusa para non achegarse a Bértoa, especialmente porque despois de varios días de choiva, parece que o sábado sairá o sol para ver as carreiras, nas que participarán máis de medio centenar de corredores. A cita comeza no Circuíto de Motor de Bértoa a partir das 10.00 horas coas verificacións, mentres que os pilotos saltan á pista ás 12.00 horas cos adestramentos. Xa pola tarde, as semifinais teñen lugar a partir das 15.30 horas, mentres que as finais son a partir das 17.30 horas.

O prezo da entrada é de 10 euros, mentres que os nenos e nenas teñen acceso gratuíto, nunha oportunidade única para descubrir este deporte e ver aos mellores pilotos galegos en acción, con nomes como Tino Iglesias, Miguel Pombo, Dani Castro, Quim Chamorro, Perfecto Calviño ou Diego Mantiñán que competirán nas categorías de +1.600 cc., -1.600 cc., Carcross e 4x4.

Espectáculo asegurado no 6º Autocross Carballo!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica