Carballo a un paso

Compartir:

As cores da pintura, a escultura ou as fotografías de Crea Formas invaden A Milagrosa

Ata 21 locais comerciais e hostaleiros e 13 creadores e creadoras únense por segundo ano para mudar o barrio nunha orixinal galería de arte

Ponte en Cor

Cartaz deseñado por Teresa Candal

Por segundo ano consecutivo o barrio da Milagrosa transfórmase nunha orixinal galería de arte grazas a Ponte en Cor, unha proposta que une a hostaleiros, comerciantes e creadores e creadoras para promocionar o movemento artístico carballés. Nesta segunda edición faise un traballo de fusión, aproveitando o escaparate como galería e mesturando os produtos propios do comercio coas distintas pinturas, esculturas, fotografías e pezas de Teresa Candal, Cristina Castro, Esther Chamoso, Chiña, Milagros Cotelo, Adriana Díaz, Isa Fernández, Mon Lendoiro, Tomás Luna, Santi Picos, Javier Rodríguez, Antonio Taracido e Jacobo Veiga.

De novo, a iniciativa xorde da Asociación de comerciantes, hostaleiros e profesionais da Milagrosa coa colaboración do colectivo Crea Formas Artísticas. Mon Lendoiro, representante de Crea Formas, explica que a concepción de Ponte en cor varía un pouco respecto á do ano pasado. Por unha banda, en lugar de que cada establecemento amose o traballo dun único artista, desta volta todos os locais contarán cunha escolma de obras de varios autores e autoras, adaptándose ás características do espazo, á idoneidade das pezas ou a un determinado leitmotiv artístico. Por outro, neste caso non se crearon obras específicas para Ponte en cor, senón que se rescataron pezas que terán unha segunda vida a través da iniciativa.

Un total de 21 locais

Os locais e establecementos que participan en Ponte en cor son 21: Forum Cafetería, Fontanería Aran, Barbería, Bar Amsterdam, Todo Lar, Modas Eva, BR Pdoloxia, Gestoría Casal, Muebles Luis, Peluquería Isabel, Bar Bastian, Barreiro Zapateiro, Casa Francisco, Calzados Arijon, Vainica, Estanco A Milagrosa, Hidro Heccar, Hostelber, Rodriguez Zapateros, Amar Moda e Centro de Masajes Luisa Rabuñal. (Podedes localizalos máis abaixo nun mapa do barrio).

Calquera veciño ou veciña, ou visitante que se achegue Carballo entre o 5 de agosto e o 10 de setembro pode entrar en cada un deles para mercar un moble, para cortar o pelo, para arranxar os zapatos... pero tamén para observar as creacións artísticas expostas nos escaparates e locais e levar para a casa unha imaxe, un cadro, unha escultura... En cada local haberá información sobre cada un dos creadores e creadoras, así como unha listaxe de prezos, para que ninguén quede coas gañas de mercar arte.

O barrio da Ponte está en cor! Ponte en cor con el!


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica