Carballo a un paso

Compartir:

Proba os mellores produtos de Carballo e Galicia na feira ecolóxica do 16 e 17 de xullo!

Un total de 20 postos invaden a Praza do Concello dende as 11.00 e durante todo o día con catas, degustacións e actividades para nenos e nenas

Os mellores produtos da horta, mel, a mellor carne, fariña de castaña, marmelada ou mesmo cervexa, nunha cita que comeza ás 11.00 h. pero que pode durar até que o corpo aguante. Todo iso e obradoiros para nenos e nenas, catas ou degustacións poden atoparse o sábado 16 e o domingo 17 de xullo na Feira de Produtos Ecolóxicos Certificados de Galicia que visita Carballo da man do Concello e de Craega (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia).

O obxectivo desta feira, que ocupará a Praza do Concello durante dúas intensas xornadas, é o de dar a coñecer o selo dos produtos ecolóxicos galegos a través das catas, aínda que os veciños e veciñas que o desexen tamén poden levar para a casa algunha das exquisiteces que poderán atopar nos postos. A cita contará coa presenza de produtores de Carballo e a contorna, así como da tenda de produtos ecolóxicos do municipio, co obxectivo de achegar o labor dos operadores e das empresas á veciñanza.

Un grelo de peluche e merenda saudable

Por se o atractivo dos nosos mellores produtos fose pouco, a feira tamén agocha actividades para os máis cativos e cativas a través de obradoiros de pintura, pero tamén cunha actividade moi especial: a creación dun peluche ecolóxico, coa forma dun grelo, que os nenos e nenas elaboran eles mesmos e que levan para a casa como mascota e cun certificado de nacemento de Craega. Un obradoiro no que os máis cativos e cativas sempre devecen por participar para conseguir un novo amiguiño.

Ademais, o sábado pola tarde haberá a iniciativa "Ponlle as pilas ao teu bocata", unha campaña que pretende facer da merenda unha comida saudable a través da inclusión das conservas e produtos do mar nos bocatas empregando xogos, pero tamén ofrecéndolle aos nenos e nenas a oportunidade de elaborar eles mesmos o seu bocadillo.

Non deixedes de achegarvos a Carballo para gozar dos nosos mellores produtos da terra, pero tamén para pasar un día entretido e diferente.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica