Carballo a un paso

Compartir:

"Paréceme marabilloso que algo como o Carballo Interplay ocorra"

Jorge Coira, director de cinema

Jorge Coira fixo posíbel, coa súa maxia, moitos deses produtos audiovisuais cos que convivimos nos nosos fogares, tal é o caso de series como "Padre Casares" ou "Terras de Miranda". Esta semana estivo en Carballo impartindo un obradoiro sobre o traballo conxunto entre directores/as e intérpretes.

-Como xorde a idea de facer este obradoiro, que afonda no traballo conxunto entre as persoas que dirixen e aquelas que actúan?
 

-Foi unha proposta de Sonia Méndez, a directora do Carballo Interplay. Chamoume para falar da oportunidade de facer un curso de dirección de actores. Nos últimos anos fixen en varias ocasións un obradoiro de interpretación e pareceume preciso dirixir esa parte non só aos actores, senón tamén aos directores, para que así poida haber unha comunicación mellor entre as dúas partes.  

-Supoño que nesa comunicación xorden non poucos obstáculos...

-Son terrenos moi diferentes e moi afastados. Hai "mogollón" de directores que realmente apenas dirixen actores porque non  teñen as ferramentas para facelo. Moitos actores quéixanse de que os directores non os dirixen. Se non consegues como director estabelecer unha boa comunicación cos actores, estás máis exposto ao azar de como entende o actor o personaxe. As escenas quedan menos vivas, e a ficción delátase, se as intentas estabelecer sen poder comunicarte ao redor da parte máis interna das personaxes.  

-Entendo que terían moito de terapia estas sesións, aínda que só sexa polo feito de que os actores e actrices puidesen expor as súas queixas aos directores e ao revés…  

-Partimos do respecto mutuo. Os actores traballan  moito espindo as súas emocións e expoñéndose en público. Iso crea moito medo e os directores é unha parte na que non soe entrar. Isto levounos a facer exercicios de desinhibición, de intentar sacar as emocións a flote. Ten así a unha parte de terapia. Todo iso son ferramentas para logo traballar xuntos.  

-Que hai da túa experiencia persoal como director neste curso?  

-Todo nace de aí, do que fun aprendendo cos anos e tamén indo eu mesmo a cursos. A primeira vez que fun a un curso de dirección de actores foi hai máis de dez anos con Michael Radford, o director de O carteiro e Pablo Neruda, e abriume un mundo que eu non coñecía. Eu dirixía aos actores dende ese lugar no que non entendes nada de como funcionan e con Michael Radford descubrín que hai que empezar moito máis dende dentro, moito máis abaixo.  

-A que te refires con iso de ir máis adentro?  

- O personaxe ten que entender  por que fai o que fai. Trátase de buscar os mecanismos internos do personaxe, os seus obxectivos na escena, as súas ferramentas, o que o leva a rir ou a chorar, de forma que, case sen dar ningunha indicación do resultado final, ese resultado saia de forma orgánica. Tamén é recoñecer con que ferramentas traballan hoxe os actores. Os actores non traballan hoxe en día poñendo cara de, non é cuestión de dicirlles que poñan "cara de", teñen que ver como sente o personaxe.  

-Lembras algún caso no que na elaboración dun personaxe te sentiras especialmente contento co resultado?  

-Uff, moitos... Lembro o personaxe de Avelino González en Padre Casares. Era un reparto moi amplo, moi diverso e que funcionaba moi ben. A parte actoral foi unha gozada. Con todos fomos buscando os personaxes. Estiveramos dándolle voltas ao personaxe de Avelino até que vimos que tiña a inocencia dun neno pequeno. sen facer iso obvio, fixemos con que o actor traballase con iso por dentro e a Avelino funcionoulle. E fora un traballo moi bonito.  

-O Carballo Interplay foi o primeiro festival de webseries do Estado. Como de asentado está este ámbito de creación, aínda tan recente?  

-Está en plena evolución e aínda queda un bo treito de evolución, que coido que pasa polo feito de que nalgún momento deixan de chamarse webseries. Aínda que a distancia entre series e webseries era en principio moi obvia, cada vez esa fronteira vai ser máis difusa.  Todo vai cara ao lado de internet con moita forza. Espero que siga habendo un enorme campo de experimentación e de probas, que cada vez vai ir subindo máis o nivel de calidade.  

-Ante a falta de traballo no audiovisual, cada vez máis as e os profesionais refúxianse nas webseries que, aínda que non achegan de momento un beneficio económico, si serven de escaparate e de vía para sacar o potencial creativo…  

-Sempre foi difícil empezar. Agora probabelmente máis porque baixou o nivel de produción e, ademais, disparouse o número de escolas e a cantidade de xente con formación. Hai moita xente nova que está intentando meter o pé. Historicamente era o mundo da curtametraxe ese primeiro paso, e agora teñen unha nova porta aberta en internet.  

-Como valoras unha iniciativa como o Carballo Interplay?  

-Estiven o ano pasado, coa iniciativa "Café con CREA", e agardo poder estar este ano. Paréceme marabilloso que ocorra. Paréceme que, para que unha sociedade sexa plena e sa, necesita fábricas, restaurantes, concesionarios de coches e tamén elementos de ocio creativo e artístico. Que unha vila coma Carballo teña un festival de webseries ao que poida vir xente de toda Galiza e de calquera outro sitio a ver é tremendamente enriquecedor. O mundo sen iso é un mundo terrible.  

-Dende CREA, a asociación de directores/as e realizadores/as de Galiza, e dende o  teu rol profesional como director, como ves a situación das e dos profesionais do audiovisual neste momento? 

-A situación non é nada fácil de resumir. E hai elementos tremendamente negativos e positivos. Ou en España conseguimos darlle un xiro ás políticas audiovisuais e culturais no sentido máis amplo, ou estamos abocando ao país a converterse nun país de segunda, de xente desinformada, con pouca base cultural. O consumo cultural está baixando, de feito,  de forma para min alarmante. Meter un IVA do 21% é demencial, case criminal. Se queremos un país que sexa de primeira liña temos que apostar pola súa cultura, no sentido máis amplo, tamén no campo da ciencia.  

-E no lado positivo?  

-No lado positivo, hai unha base de talento e de xente capacitada moi ampla que cada vez fai mellor as cousas e que, máis ca nunca, ten unha visión internacional que fai que se poidan financiar proxectos no estranxeiro. Iso era case un soño e agora faise realidade.  

-Algún caso que poida resultar exemplar?  

-Practicamente calquera película galega que poidas ver agora vai ter un pé fora. Vaca Films ten socios noutros países. Unha das últimas que fixo rodouna en Budapest. Estes días Oliver Laxe está rodando en Marrocos cunha visión claramente internacional.

-Ante a escaseza de financiamento público dentro, óptase por outros ámbitos de financiamento como son as coproducións...  

-Ante isto e ante a madurez dos creadores e dos produtores. Empeza a haber toda unha xeración de produtores que xa nacen cunha visión moito máis internacionalizada.    

-Neste momento, conviven en Galiza diferentes xeracións de profesionais da dirección. Como ves o contexto actual ao respecto?  

-Obviamente créanse distintas xeracións, aínda que ten que ver pouco cos directores en si mesmos senón con ondadas de producións. Nos últimos anos hai un grupo de directores moi interesantes que están traballando en terreos máis experimentais e de cine de vangarda, mais tamén hai  un cinema galego novo moi interesante e moi potente de cine máis comercial. Empeza a haber cada vez máis directores e de máis calidade. Entendo que uns imos aprendendo dos outros e iso fai que todo medre. E agora mesmo hai un nutrido grupo de directores moi competentes. Para min é un gusto estar en CREA, a asociación de directores, e facer un repaso polo catálogo destes directores e ver a cantidade de xente que está facendo cousas direrentes.  

-Tamén directoras?

-Directoras hai menos. Pareceme preocupante. Persoalmente cústame moito atopar a raíz do asunto. Se fose que os empresarios fosen moi pechados a contratar mulleres, sería máis fácil de solucionar. Pero creo que non é así. Creo que ten que ver cunha cuestión cultural máis profunda, que de inicio as mulleres parten cunha desvantaxe xeral, social, cunha lousa inxusta e brutal, pensar que ter que dar o dobre, de ter que demostrar máis. Nas escolas, a porcentaxe de mulleres e de homes é moi igualitaria. Pero segundo imos subindo chanzos de decisión van desaparecendo. Ao final en directores, hai unha inmesna maioría de homes. Non sei agora mesmo a porcentaxe mais penso que debe andar en ao redor do 10%.  


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica