"Colaborar e traballar xuntos fai medrar a cultura musical en Carballo"
Entrevista a Pedro Ramos e Inés Blanco, batería e voz de Apart
Inés Blanco e Pedro Ramos, a voz e a batería da banda carballesa Apart, responderon ás preguntas de Turismo Carballo sobre o seu próximo traballo. Xunto co resto do grupo, presentarán este sábado en A Barra Bar o seu primeiro EP, "Waiting so long", un álbum moi carballés. Explícannos o porqué.
-Que fai deste un EP tan carballés?
-Tendo tantos recursos dispoñibles no noso pobo resultounos obvio utilizalos. Por iso, a foto da portada está tomada na Praia de Razo por Laura Cotelo, natural de Carballo. E para os coros ocurréusenos chamar a Pepa Arán, tamén carballesa.
-Dise na vosa web que as catro cancións que o conforman intentan resumir os diferentes sons do voso grupo. Como son eses sons?
-Sinceramente penso que o noso son está moi relacionado coa música que escoitamos ao longo da nosa vida. Trátase dunha mestura de todo isto, e sempre buscando unha identidade propia.
-Como é o proceso de composición dunha peza de Apart?
-Normalmente un de nos trae unha idea ao ensaio e entre todos desenvolvémola. Moitas veces o resultado ten pouco que ver coa idea orixinal.
A pegada carballesa
No Rockin (foto de Roberto Rey)
-De onde xorde Apart?
-Dun grupo de amigos con inquietudes similares e pasión pola música que busca unha maneira de entreterse e pasalo ben.
-A onde quere chegar?
-Canto máis alto mellor.
-Cal é o seguinte paso que vos gustaría dar?
-Dar moitos concertos en salas e festivais, ampliando fronteiras, e chegar a publicar un álbum o próximo ano.
-Que supuxo 2014 nas vosa carreira?
-O 2014 foi o ano de debut do grupo. Demos o noso primeiro concerto en febreiro e poucos meses despois atopámonos presentando un EP. Polo tanto, foi moi produtivo.
-Que supuxo para vós participar en festivais locais como o Rockin ou o Sereas e Piratas?
-Foi algo moi positivo porque nos deron a oportunidade de compartir cartel con outras bandas nacionais e tocar para un público máis grande e variado.
-Como vos influíu Carballo a nivel musical?
-Afortunadamente en Carballo hai moitos lugares onde escoitar música en directo, como A Reserva ou a Sala Dublín. Isto, xunto coas escolas que hai no nosa vila, facilitounos o aprender a desenvolver as nosas propias ideas.
-Cales son para vós os referentes?
-Non temos un referente claro. Cada un ten os seus gustos pero creo que todos coincidimos nas grandes bandas do Rock internacional.
-E os vosos referentes locais?
-Directa ou indirectamente os grupos locais influíron no noso traballo. Dende que empezamos, fixemos concertos con Arabian Evils, Lowcos, The Gentleman Band, Portakomporta, etc. Colaborar e traballar xuntos fai medrar a cultura musical en Carballo.
-Por que a escolla do inglés para cantar?
-A música que sempre escoitamos está en inglés. Por iso preferimos facelo neste idioma.