Carballo, laboratorio audiovisual
Nace o Formacip, un ciclo de formación audiovisual que desenvolverá en Carballo 14 obradoiros impartidos pro recoñecidos profesionais.
Festival de contidos dixitais
![](media/../media/img/direcciondefoto.jpg)
Carballo estase a destacar como fervedoiro audiovisual. Na primavera deste ano botou a andar na capital bergantiñá o Carballo Interplay, o primeiro festival de webseries de todo o estado. Del nace o FormaCip, un ciclo de formación audiovisual composto por un total de 14 obradoiros que serán impartidos por recoñecid@s profesionais do audiovisual, con destacados nomes do novo cinema galego, e que convertirán a vila, nos vindeiros meses, nun auténtico plató.
Os obradoiros terán lugar dende mediados deste mes de novembro até abril do ano vindeiro, cando se celebrará a segunda edición do Carballo Interplay. Un certame que, por certo, neste 2015 ampliará miras alén as webseries, e pasará a ser festival de contidos dixitais.
Da técnica á creación
![](media/../media/img/O-CINEMA-EN-PRIMEIRA-PERSOA-web-1024x680.jpg)
O período de inscrición foi aberto xa para os catro primeiros, que se celebrarán ao longo do mes e novembro e decembro. O primeiro deles, do 17 ao 21 de novembro, abordará o "cinema do eu", un tipo de formato no que as e os profesionais do audiovisual galego están a conseguir notábeis éxitos en festivais internacionais, como foi o caso de Oliver Laxe con Todos vós sodes capitáns, premiado en Cannes. Correrá a cargo de Eloy Domínguez Serén, que presenta neste mes o seu último filme, Jet lag, nos festivais de Sevilla e en Cineuropa. Seguen os obradoiros de operador/a de cámara, do 27 ao 30 de novembro; iniciación á edición profesional con Adobe Premier, do 3 ao 7 de decembro, e introdución ao son profesional, o 13 e o 14 de decembro.
Os obradoiros abordarán diversos ámbitos profesionais do audiovisual, dende aqueles máis técnicos aos máis creativos. Nos primeiros catro meses do ano, o ciclo completarase con obradoiros de guións para a ficción televisiva, a arte da cinematografía, o xogo cos actores, as curtametraxes de ficción, a realización de videoclips musicais, novos formatos e medios no vídeo experimental e a construción de arquivos audiovisuais. Este último promoverá a participación de moz@s e alumn@s dos institutos da vila para a creación dun arquivo audiovisual carballés, a semellanza do proxecto Socheo. Esta iniciativa, na que participou a docente do curso, Beli Martínez, foi levado a cabo na Guarda para recuperar o seu patrimonio audiovisual, e recentemente galardoado polo Ministerio de Educación co premio de Alfabetización dixital.
Recoñecidos profesionais
![Na presentación do FormaCip](media/../media/img/formacip_400.jpg)
Na presentación do FormaCip no Concello de Carballo
Ao cargo da formación correrán profesionais como os directores Jorge Coira, Eloy Domínguez Serén , Javi Camino, Xacio Baño ou Xoán Escuredo; os directores de fotografía Víctor Rodríguez, Óscar Martínez Chamorro e Alberto Díaz Betitxi, o técnico de realización, Daniel Viqueira Carballal, os guionistas Fran Carballal e Enrique Lojo, o realizador Manuel Viqueira, a deseñadora Isabel Vila; o director e a directora da produtora Esferobite, Juan Lesta e Belen Montero, o técnico de realización Daniel Viqueira, a produtora Beli Martínez e o cineasta Marcos Nine.
O Carballo Interplay conta co apoio do Concello de Carballo, unha vila que, nos últimos tempos, se está a destacar na aposta pola creación non só como alimento cultural senón tamén como motor económico e de promoción da vila, tal e como destacaron, na presentación do Formacip, o alcalde da vila, Evencio Ferrero, e o concellal de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira. A primeira edición do Carballo Interplay permitiu lanzar o nome da capital bergantiñá a nivel estatal. Un mesmo afán de proxección que tamén se está a conseguir con outras apostas culturais como o recoñecido FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro, ou a iniciativa de arte urbana "Derrubando muros con pintura" que, dende hai un ano, reúne a creadores e creadoras locais e internacionais.
Toda la info sobre la relación de cursos aquí.