Carballo a un paso

Compartir:

"Cultivando en pacas de palla traballas menos"

José Caneda, monitor da Escola da Herba no Horto Infantil Ecolóxico de Carballo

Entrar no Horto Infantil Ecolóxico de Carballo conforta. Nada mellor para erguer a moral. A ledicia e a ilusión d@s nen@s é contaxiosa. En seguida rodean á xornalista porque queren saír na entrevista. Mais o prota, nesta ocasión, vai ser outro, José Caneda, un dos seus monitores, que nos fala dunha innovadora experiencias que están a levar a cabo no horto: o cultivo en pacas de palla. Explícanolo polo miúdo. Así que se queres probar, le…

-Como é que vos animastes a cultivar en pacas de palla?

-Fixémolo por dúas razóns. Por unha banda para probar, para aprender nós cos cativos. Todos os días, de feito, aprendemos cos rapaces. E por outra parte, é máis inmediato porque non dependes do terreo nin tes que facer labores previos, como fresar. A palla, desde un punto de vista didáctico, ten a vantaxe de que os pequenos moi pronto ven como as cousas van medrando e o traballo de implantación é mínimo. Por iso se usa para a xente que non ten terra. O cultivo en palla pódelo facer nunha terraza. Hai semana e media só estaban as pacas e agora xa ves unha chea de cousas medrando.

-Na palla, os cultivos medran antes ca na terra?

-Segundo os defensores deste sistema, si. O que pasa é que a palla ten unha duración máis curta. Dura dous ciclos de cultivo e despois vai desaparecendo. En realidade, este sistema é semellante ao dun compostoiro. Cando fas unha compostaxe, na parte máis interna da mesma prodúcese unha fermentación. Hai un proceso de mineralizando que é o que fai que as plantas poidan alimentarse. Pois coas pacas de palla facemos o mesmo proceso. No interior das pallas botas auga e abono orgánico e iníciase un proceso de compostaxe.

Xudías plantadas en pacas de palla

Xudías plantadas en pacas de palla

-Como se prepara a palla?

-É moi sinxelo. Colocas as pacas de palla, botas auga, regas e vas, de maneira regular, botando en distintos días auga e un pouco de abono. Son ao redor de doce días, aínda que depende. Canto máis calor, máis pronto se fai a fermentación. É como un compostoiro. Non é o mesmo facelo no inverno ca no verán. Como en xuño non facía moita calor, en vez de doce días, deixamos quince días de preparación. E aparentemente vai ben. Os primeiros días bótase máis abono e despois vaise espazando.

-En que vos inspirastes para por en práctica este sistema?

-Nós seguimos a metodoloxía dun autor  americano que se inspirou na súa avoa, que tiña horta e traballaba a terra de toda a vida. El foi, no seu momento, un renegado do campo e marchou á cidade, mais logo entroulle a morriña pola horta. Buscou un sistema que fose máis áxil, e intentouno coa palla. Hai pouco, souben dunha señora de Entrecruces que plantara patacas na palla e que lle saíran estupendas. -

-E que plantastes aquí, no horto ecolóxico, nas pacas?


-Aquí plantamos leituga de varios tipos, escarola, mitsuna, repolo, cabaza, albaca, caléndula, acelgas e xudías.

-Algunha destas plantas son utilizadas de repelente, verdade?

-En principio, as que puxemos con ese fin son as caléndulas e a albahaca. A albahaca ten un aroma intenso, moi forte, o que parece que está relacionado cuns elementos químicos que lle desagradan aos pulgóns, que é unha das ameazas que temos na leira. E a caléndula ten unha función insectífuga, repelente de insectos. Non é insecticida, non os mata, só marca unha barreira e fai que os insectos non se acheguen.

-Mais no horto hai outras plantas que nacen de maneira natural, sen que vós as cultivedes…

- Non sabemos o que temos. O que nós cualificamos de malas herbas, que efectivamente son malas herbas, porque non están no sitio nin no momento adecuado, en moitas casos son medicinais e cumpren unha función dentro da horta, en relación coas outras plantas. Nas beiras do invernadoiro naceron plantas que, na súa maioría, teñen uso medicinal. Temos, por exemplo dente de león, que é unha das plantas medicinais con máis aplicaciónsl.

-O que practicades coas pacas de palla pódese dicir que é permacultura?

-Non me atrevo a dicir tal. Nun sentido pode que si. Nós intentamos non ser agresivos co entorno. E por outra banda, a palla libérate dalgúns labores, e dicir, que traballas menos. Ti tes que estar pendente os primeiros días do almanaque de ir botando auga e abono cando corresponda. Pero unha vez feito iso tes que regar menos, hai menos malas herbas, non tes que arar, é máis alto, de modo que para todo o mundo é máis cómodo e para os rapaces é ideal.

-Para a xente maior tamén…

-Tamén, e para xente con discapacidade. As pacas apílanse e podemos xogar coas alturas. Para a xente en cadeira de rodas vai moi ben.

-Que outras vantaxes ten a palla?

- É un regulador térmico, mantén mellor a humidade, tes que regar menos, gastas menos auga, é menos traballo, non tes que arar, evita o nacemento de adventicias (é dicir, que saen menos malas herbas) e en certo modo é un substrato máis hixiénico, máis limpo. E posible que haxa algúns fungos aos que lles resulte máis difícil a supervivencia porque non está en contacto directamente coa terra.

-É un tipo de agricultura ecolóxica…

-En principio si. Nós non utilizamos ningún químico. O abono é orgánico de galiña.

Albaca e leituga

Albaca e leituga

-E os nenos, que tal o levan?

-Penso que ben.

-Non lles chamou a atención?

-Xa sabes como son os nenos. Dende o primeiro día veno como algo normal. De feito, aos poucos días veu unha nai preguntarnos onde podía comprar palla porque as nenas estábanlles dicindo que querían plantar en pacas.

Manuel Anxo Pardiñas, o coordinador do Horto Infantil Ecolóxico de Carballo, vitalista e desenvolto, entusiasta do proxecto, incorpórase neste momento á conversa.

-Manuel Anxo Pardiñas: Téñeno normalizado, si, pero filipan. Non somos conscientes do que flipan até que che chega unha nai con eses comentarios. Chegan a casa e empezan a latricar todo o que fan, porque flipan.

-José Caneda: A veces non din nin chío aquí e na casa cóntano todo.

-Manuel Anxo Pardiñas: E hai algo curioso. Varios nenos e nenas, xa por hábito, traen os residuos orgánicos para o compostoiro. As escolas de balonmán de Xiria veñen ao horto e unha das actividades que teñen é deixar aquí os residuos orgánicos que xeran.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica