Carballo a un paso

Compartir:

Arte para inaugurar o San Xoán

A xa tradicional mostra do San Xoán xuntou unha vez máis aos e ás artistas da zona ao redor, nesta ocasión, do binomio arte-natureza. Pode visitarse até o 31 de xullo no Pazo da Cultura.

Con moita arte, a d@s nosos artistas locais, foi inaugurado o  San Xoán deste 2014.  Pintura, fotografía, escultura, cerámica, alfarería, debuxo…, a exposición, que este ano ten como tema a arte e a natureza, xunta disciplinas, técnicas e estilos diversos. A mostra poderá visitarse até o 31 de xullo, e de balde, no terceiro andar do Pazo da Cultura, todos os días, en horario de cinco da tarde a oito e media.

Están que non paran os nosos creadores e creadoras locais. Comezaron o ano organizando a primeira edición da feira Mercarte, seguírono transformando os nosos muros e murais na iniciativa de arte urbana "Derrubando muros con pintura", e mesmo se organizaron nunha asociación propia, "Crea formas", á que pertencen a totalidade das persoas que expoñen neste San Xoán no Pazo da Cultura.

O San Xoán: onde comezou todo

As e os creadores en foto de familia

As e os creadores en foto de familia

Esta, que  é a terceira mostra colectiva das e dos nosos artistas locais no que vai de ano, é  unha cita á que non podían faltar. Porque aquí comezou todo. A xa tradicional mostra do San Xoán, que chega este ano á súa sétima edición, foi o xermolo no que por primeira vez xuntaron forzas. Unha bola de neve que, pouquiño a pouco foi medrando, e que este ano culminou nesta caste de furacán creativo que ten á vila mans á obra, cos materiais transformadores da arte e da pintura que lle están a dar unha aparencia renovada á nosa pel urbana.

E é que pouco a pouco, como lembrou o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, na inauguración, vaise conformando unha maneira de expresar Carballo. A mostra, que en anteriores edicións reparou en temas como a beleza, o corpo humano ou a arte e a crise, fixo parada nesta ocasión nas relacións entre arte e natureza, esa nai nosa tan maltratada, e que para @s artistas foi e será sempre fonte de inspiración e primeiro motivo de imitación. Do imaxinario oceánico de Viki Ribadulla, que emprega nos seus cadros elementos mariños como as cunchas, ao collage de fondo crítico de Pedro Tasende. Das esculturas en madeira de Raúl G. Herrera, á escultura en bronce de Miguel Couto. E aínda moito máis, sobre todo en fotografía, cun protagonismo importante na exposición.

Os nomes por tras das obras

Un detalle da obra de Viki Rivadulla

Un detalle da obra de Viki Rivadulla

Participaron, este ano, Adriana Díaz, Ana García, Antón Diaz, Antonio Reino, Antonio Taracido, Chiña, Cristina Castro Santiago, Dami Varela, Diana Molina, Emi Rodríguez de las Heras, Eva Facal, Feituras de Lita, Fernando Mourón, Isa Fernández, Juan A. Villar Casares, Lola Oviedo, Manuel Eirín, Miguel Couto, Milagros Cotelo, Mon Lendoiro, Mónica Noya, O´Miguelo, Oti Fernández, Pedro Tasende, Peter Kramer, Raul G. Herrera, Ricardo Outes, Santiago Castro, Santi Picos, Tomás Luna e Viki Rivadulla.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica