Carballo a un paso

Compartir:

Filla e neta de tintureiros

A case un século se remontan as orixes do oficio na familia de Paula Pérez Iglesias, a actual responsable da tinturaría Iglesias.

A tinturaría do avó paterno, fundada en Compostela en 1915

A tinturaría do avó paterno, fundada en Compostela en 1915

Din que hai manchas que non se poden borrar pero para Paula Pérez Iglesias, tintureira de terceira xeración e actual responsable da tinturaría máis antiga de Carballo, esas son as menos. Paula é filla e neta de tintureiros e, dende pequena, aprendeu a coñecer os tecidos e a tratalos con coidado. Na trastenda do negocio familiar, entre fotos case centenarias, explícanos, coa axuda da súa nai, as orixes deste comercio, que leva xa máis de cincuenta anos na capital bergantiñá.

A orixe: Canarias un século atrás

O patriarca da familia aprendeu na tinturaría París, en Las Palmas

O patriarca da familia aprendeu na tinturaría París, en Las Palmas

A historia desta familia de tintureiros comezou a principios do século XX, cando o avó paterno de Paula, Antonio Pérez Gantes, decidiu probar sorte en Canarias, trala ruína do negocio do seu pai, e se coou nun barco rumbo ás illas. Alí aprendeu o oficio, na tinturaría dun cuñado, e volveu a Galicia para abrir o seu propio negocio en Santiago, no que agora é a rúa Xeneral Pardiñas, no ano 1915. Eran moitos os operarios e operarias que alí traballaban, como se pode ver nunha das fotografías que acompañan esta reportaxe. Nalgún caso remataron por montar a súa propia tinturaría.

De Compostela a Ferrol e a Carballo

Compostela, na Guerra Civil

Compostela, na Guerra Civil.

Del aprendeu tamén o avó materno de Paula, Jesús Iglesias, que logo se instalaría en Ferrol nos anos 30. E, buscando un lugar onde estabelecerse e continuar coa tradición familiar, a Carballo chegaría xa no ano 1947 Antonio Pérez Iglesias, o pai de Paula que, nun primeiro momento, se instalaría na rúa da Saúde e, xa na década dos cincuenta, se trasladaría ao actual emprazamento, na rúa Álvarez de Sotomaior. Foi a primeira tinturaría de Carballo e chegou a ter sucursais en diversos puntos da Costa da Morte, como Malpica, Ponte do Porto, Laxe ou Baio.

A historia a través das prendas

Traballadoras e traballadoras na tinturaría España, en Compostela

Traballadoras e traballadoras na tinturaría España, en Compostela

A nai de Paula, Marisa Iglesias, fai memoria para recordar aqueles tempos. Do que nos conta, facémonos unha idea de como cambiou a nosa relación coa roupa e como a propia sociedade mudou. Daquela as prendas debían durar varios anos e cumpría tratalas ben. Facíanse moitos tinguidos porque os periodos de loito eran frecuentes e interminables e, porque, ademais, era preciso reaproveitar a roupa e darlle nova vida remodelándoa e cambiándolle a cor.

A actualidade

Publicidade que a tinturaría Iglesias proxectaba nos cinesPublicidade que a tinturaría Iglesias proxectaba nos cines

Publicidade que a tinturaría Iglesias proxectaba nos cines

Agora, cando a roupa é de usar e tirar xa ao rematar a tempada, isto sóanos descoñecido e distante. Das orixes das tinturarías xa só quedan no nome, porque, hoxe en día, apenas nelas se fan tinguiduras. A elas adoita ir a xente para limpar aquelas manchas que se lle resisten, coas pezas máis delicadas, cos traxes ou roupa de celebración, ou con aqueloutras pezas máis aparatosas, como a roupa de cama. Aínda que a clientela e as necesidades son do máis variado. Entre a roupa colgada na trastenda da tinturaría vemos un dos mantóns que loce a imaxe da virxe dos Miragres de Caión.

Do carbón á electricidade

A tinturaría Iglesias, na actualidade

A tinturaría Iglesias, na actualidade

Por fortuna, a familia de Paula foi tan coidadosa cos recordos como coas prendas. Na trastenda da tinturaría hai colgado un teléfono provinte do negocio que o seu avó paterno montara en Compostela a principios do século XX e, entre as fotos case centenarias que nos ensina, podemos facernos unha idea de cómo se traballaba por aquel entón. Nelas vemos as caldeiras de leña e carbón, as prensas de vapor antigas, os recipientes nos que se tinguía a roupa a man ou o proceso para plisar os tecidos, que levaba de un a dous días. Era tal a cantidade de vapor que se xeraba naquela tinturaría compostelá que o avó decidiu montar unha casa de baños. O xabrón, recorda con memoria sorprendente a nai de Paula, era da Toxa…

O traballo con mimo

Aínda se fai a man o amidonado de mantelaría

Aínda se fai a man o amidonado de mantelaría

Do que podemos ver nas fotos ao proceso actual que Paula nos ensina vai ao redor dun século. Mais, na tinturaría, Paula aínda conserva máquinas que o seu pai, que gustaba da tecnoloxía e de modernizar os procesos, trouxo no seu momento de Estados Unidos e de Italia. De Kentucky é un maniquí de planchado a vapor, que aínda agora se utiliza, e que xa case ten medio século.

Con Paula poderiamos seguir falando horas dos tecidos, das peculiaridades de cada un e de cómo cómpre tratalos. E probablemente non chegarían, porque en si é unha arte que require de moito mimo e de coidado máximo, sobre todo cos tecidos actuais, que mesturan diversas composicións que requiren tratamentos diferentes. Aprendemos, por exemplo, que comprar unha marca cara non sempre implica mercar un bo tecido. Mais a clientela comeza a chegar á tenda e cómpre deixarse de lerias. Con nós levamos este pequeno retallo da historia dese retal amplo e antigo que é o comercio carballés.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica