Carballo a un paso

Compartir:

As claves do I Festival Webseries Carballo Interplay

Carballo e Madrid serán os primeiros lugares do estado en organizar festivais de webseries

Carballo, que xa é un referente para o teatro galego co noso FIOT, promete, a partir de agora selo tamén para o audiovisual. Do 24 ao 27 de abril terá lugar o I Festival de Webseries Carballo Interplay (CIP), que repartirá 5.000 euros en premio e situará a nosa vila na vangarda do audiovisual apostando por un xénero en plena eclosión. A organización está xa poñendo a funcionar as máquinas a pleno rendemento. Veñen de facer públicas as bases, a páxina web e as súas redes sociais en facebook e en twitter (@InterplayFest)

"Con este festival, Carballo sitúase en plena vangarda das novas tendencias do audiovisual. A capital bergantiñá será, xunto con Madrid (onde terá lugar en xuño o FEW-webfest) dos primeiros lugares do Estado onde se celebre un festival deste tipo."

¿Que é o I Festival Webseries Carballo Interplay?

As webseries son todo un fenómeno en eclosión nos últimos anos. Webseries galegas como "Ángelica e Roberta" conseguiron gran aceptación. En Carballo, tamén temos a nosa webserie local, "Un sitio distinto". Mais até o momento, este xénero non contaba cun festival propio. Como moito, dispoñían de sección específica nalgún festival, como os Mestre Mateo, sensible ao novo burbullar creativo do audiovisual na rede. Así que, con este festival, Carballo sitúase en plena vangarda das novas tendencias do audiovisual. A capital bergantiñá será, xunto con Madrid (onde terá lugar en xuño o FEW-webfest) dos primeiros lugares do Estado onde se celebre un festival deste tipo.

¿Quen organiza?

Organiza o Concello de Carballo, a través da súa concellería de Promoción Económica. Tal e como se explica na web, dende o Concello quérese apostar pola creatividade, a cultura e o desenvolvemento das industrias culturais, aproveitándoo ademais para darnos a coñecer como unha vila máis dinámica e acolledora. E farao apoiando ese rico caldo creativo que ferve na rede.

¿En que vai consistir?

Ademais do propio festival en si, no que as webseries serán proxectadas e entrarán a concurso, haberá obradoiros, charlas, master class, mesas redondas e mesmo concertos. Con anterioridade ao festival, organizarase un obradoiro de webseries con mozos e mozas de Carballo. O resultado proxectarase tamén no festival.

A webserie carballesa

A webserie carballesa "Un sitio distinto"

¿Quen pode participar?

Poden participar todas aquelas webseries producidas entre os anos 2012 e 2014 en calquera punto do  Estado que teñan ao menos tres capítulos emitidos no momento de presentarse ao festival, de calquera duración, temática ou xénero, tanto de imaxe real como de animación.

¿Onde podo atopar as bases?


Xa podes consultar as bases na páxina web do Carballo Interplay.

¿Cales van ser os premios?

O festival, que está organizado pola concellería de Promoción Económica de Carballo, premiará á mellor webserie de imaxe real con 1.500 euros, á mellor webserie de animación con outros 1.500 e á mellor webserie galega con 1.000 euros. Haberá tamén un Premio do Público dotado con 1.000 euros e dous galardóns sen dotación económica para a mellor actriz e o mellor actor.

Por que a eclosión das webseries?

En momentos complexos para o audiovisual, pola crise e o recorte de axudas públicas, internet supón un escaparate co que poder chegar de modo rápido e eficaz á audiencia e sen necesidade dunha televisión que aposte polo teu produto para emitilo. Os creadores, as creadoras, poden controlar así o proceso de difusión, abarátanse os custes e dáselle entrada, ademais, a novos modos de produción, como o crowfunding, o financiamento en función das achegas particulares de todas aquelas persoas que queiran apoiar o proxecto.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica