Carballo a un paso

Compartir:

"Carballo é xa unha especie de capital para o teatro"

Quico Cadaval dirixe "Da Vinci tiña razón!", que se representou en Carballo o pasado venres

Quico Cadaval ten a virtude de dicir verdades coma puños e, ademais, de facelo rindo e facendo rir. Así transcorreu esta entrevista, na que falamos de teatro, de crise, de políticas teatrais, de futuro, e, sobre todo, da súa última obra, Da Vinci tiña razón, unha comedia policíaca, recuperada da contracultura dos anos 70 e non sempre politicamente correcta, coa que promete regalarnos o efecto benéfico da risa.  


-Estiveches en Carballo en varias ocasións. Que impresións tes da nosa vila e do seu público.

-Carballo é xa unha especie de capital para o teatro. Nós coproducimos co FIOT un dos nosos espectáculos máis exitosos, Un cranio furado. O público de Carballo é moi especial. Hai xente dunha parroquia periférica como A Coruña que ven ao teatro a Carballo.

-(Risos) E  por que dis que o público de Carballo é especial?

-Hai algo moi importante, que é sentirse como protagonista. O público de Carballo vai como protagonista, como que está na súa casa e recibe ás compañías e sabe que están facendo algo emocionante e único, que é o que ten o teatro de único, que non se pode repetir. Hai ese punto de festa, dalgún modo.


"Nun momento no que todo se retrae, nós facemos a obra con máis actores de toda a nosa traxectoria. Por iso é unha loucura"

-Dixeches na presentación en Santiago de "Da Vinci tiña razón" que era a última loucura de Producións Excéntricas. Que a converte nunha loucura?

-Hai moita xente que lle dá moito valor a que, nun momento no que todo se retrae, nós fagamos a obra con máis actores de toda a nosa traxectoria, con seis actrices, seis actores e dous técnicos. É un espectáculo que é difícil de vender e hai un risco económico. Por iso é unha loucura, que nós aceptamos con entusiasmo porque contamos con esa complicidade do público. Por outro lado, é unha loucura artística porque trae unha comedia da contracultura dos anos setenta que agora pode considerarse nalgún momento politicamente incorrecta.

-Como foi traballar con ese elenco amplo de actores e actrices?

-Gustaríame destacar o alto nivel actoral. Estamos facendo unha comedia e as comedias baséanse na lixeireza, non na profundidade. Hai moitos actores que teñen moita facilidade para afondar pero hai poucas actrices e actores que poidan circular superficialmente. A comedia non pode dar a chapa. Para iso están os curas, os oradores ou os creadores de opinión. Nós estamos para outra cousa, para que a xente vexa as cousas dende outro punto de vista que sexa máis divertido có normal. Nós estamos moi contentos de colaborar unha vez máis con Santi Romay, e coas actrices, María Costas, María Garat e Ana San Martín, que se apuntaron á loucura de traballar con Excéntricas.


-E logo están eses dous actores de referencia en Excéntricas, Vítor Mosqueira e Evaristo Calvo…


-Excéntricas somos Vítor, Evaristo, Piti Sanz (o autor da banda sonora) e mais eu, e neste caso tamén colaborou Da Vinci, que non é pouco (risos), o que pasa é que está xa amortizado, non cobra dereitos de autor (risos).

-Que vos animou a traer unha obra da contracultura dos anos setenta ao momento actual?

-O teatro non ten obriga de ser un informativo televisivo, pero hai momentos no que estás buscando un espectáculo, e estás pensando no público, e ves que hai cousas que non podemos ver na televisión. Miña nai ten unha frase que cha vou regalar, que di que cantas máis canles hai menos hai para ver na televisión. Parece que temos moita oferta pero hai elementos culturais que foron moi importantes, como a contracultura, o punk, o hippismo ou o cómic, que non están por ningures. Nós pensamos que hai moita xente á que lle interesa iso, estilos nos que houbo bastante liberdade expresiva.

-Co FIOT, o noso Festival Internacional de Teatro, coproduciches en 2010 Un cranio furado

-Pareceunos que houbo un compromiso por parte do festival e do concello de Carballo. Isto é algo que está naturalizado en países como Francia, Irlanda ou Italia, onde un concello considera que un acto artístico como producir Un cranio furado é unha riqueza, non un gasto. En Irlanda estanse facendo obras de teatro coas que nós nos sentimos moi identificados. Buscabamos a alguén que se sentise parte desa aldea atlántica, e Carballo apuntouse.


-Cal é a importancia das vilas para que o teatro saia a flote? O teatro galego está pasando momentos complicados agora en tempos de crise…  

-Coa crise e co goberno. A crise parece que é unha señora que andaba por aí pinchando globos. Hai xente para quen a cultura é unha riqueza e outra para quen a cultura é un gasto. Entón recortan pero non saben que están recortando riqueza. Eu creo que hai que deixar a crise un pouco en paz, porque a crise non ten culpa de que o goberno lle regalase diñeiro aos bancos e que logo regalase os bancos.  Eu creo que os concellos medianos son moi importantes no teatro.

"Hai xente para quen a cultura é unha riqueza e outra para quen a cultura é un gasto. Entón recortan pero non saben que están recortando riqueza"

-Por que?


-Que haxa posibilidades de ver teatro nunhas condicións dignas mellora a calidade de vida. Carballo é un sitio privilexiado, comparado con outros concellos, e aínda así non ten teatro todo o ano, que sería a situación ideal á que aspirar, e tamén a que se conserve un festival en tan boa forma, que agora é xa unha referencia. Hai moita xente que di que non fai falta que haxa teatro nas vilas, que se vai en coche en todos os sitios. Eu penso que a xente pode ir en coche a onde queira, e que ao mellor non ten senso que grandísimos espectáculos visiten localidades de 10.000 habitantes, pero as vilas si que fan que se garanta que se continúe con esa festa cívica e artística que é o teatro.

-Como ves o futuro para o teatro galego?

-Nós quixemos facer un espectáculo comercial para que á xente lle valese a pena saír da casa e gastar o diñeiro en vernos. Pero ao mesmo tempo hai  compañías que se están prestixiando nun ámbito menos doméstico, como é o caso de Chévere, que está tendo recoñecementos polo teatro político. Hai compañías como Voadora que sobreviven facendo moitísimos tipos de traballo e sobre todo vinculándose ao público máis novo. Hai xente que se abre camiño polos bares e escriben as súas propias obras. Creo que, se alguén quixo rematar con iso, saíulle mal.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica