Carballo a un paso

Compartir:

"Eu son de vila e a moita honra"

Carlos Blanco actúa en Carballo o venres 17 de xaneiro

Carlos Blanco é dunha vila como Carballo, e orgulloso que está de selo. Di el que a a da vila é a medida perfecta para a vida. Aproveitando que este venres, 17 de xaneiro, ten actuación na Sala Dublín, aproveitamos para falar con el. O entrevistador é, dende logo, xeneroso, e tamén moi auténtico. Ao segundo, arráncache un riso e logo a conversa vai de corrido. Falounos un pouco de todo: da súa actuación, do seu traballo, da situación actual do audiovisual galego e mesmo da vida nas vilas.

 -Ti es de Vilagarcía, unha das maiores vilas de Galicia, como Carballo. Marca o ser de vila?

-Hai determinadas vilas que aspiran a ser cidades, e Vilagarcía non é a única. Non hai moito que me dicían que Tui ou Monforte eran cidades. E eu pregunto, pero que necesidade teñen de ser cidades? Vilagarcía leva o de vila no nome. Eu ironicamente fixen un poema sobre "Ciudadgarcía". Un día dicíalle a un de Tui: "Se Tui é cidade, Vigo é megalópole, e para São Paulo xa non temos nome". Eu son de vila e a moita honra e gústame moito vivir nunha vila onde nos coñecemos e nos saudamos pola rúa, onde sabemos quen está en dificultades e podemos botarlle unha man, onde se alguén cae na rúa inmediatamente hai alguén que lle acode. As cidades son moi fascinantes pero moi despiadadas tamén. Eu, reivindicando a aldea, porque me parece a orixe de todo e a moita honra, tamén digo que hoxe por hoxe a maior parte dos galegos somos de vila: o 70% da poboación de Galicia. A min gústame vivir nunha vila. É unha medida boa para vivir. Eu agora paro máis na Illa de Arousa, que ten ao redor de 5.000 habitantes, como un grupo de facebook, e a min gústame moito esa medida, e saudar á xente pola rúa, algo que xa nas cidades non existe.  

-En Carballo xa estiveches en varias ocasións. En que grao coñeces Carballo?

-Muller, eu que sei, non sei se pasaría un exame de Carballo…  

-A ver, cal é a praia máis importante de Carballo?

-A min gústame Razo, gústame Baldaio. Actuei en Razo este verán pasado. Vou moito a Carballo, menos ao mellor do que me gustaría no Auditorio pero, por sorte, hai algunha iniciativa privada moi viva. E a Dublín é unha sala que me gusta moito, das mellores de Galicia, de verdade. Ten unha capacidade ampla, para estaren cento e pico de persoas comódas, e ten un lugar específico para as actuacións. Eu creo que é das mellores salas de Galicia senón formalmente a mellor, en canto á forma e a comodidade para o público. Na Dublín todo o público vai poder estar sentado, que eu creo que é a situación ideal para poder ver o espectáculo: sentado e cunha copa na man.

Admirador do Xestal

-Como vas adaptar o espectáculo "Carlos Blanco ao vivo" ao público carballés este venres?

-O espectáculo dura seis horas, e eu adaptareino a unha hora e media para a actuación deste venres en Carballo. Collo aquilo que me apetece e vouno variando. A infanta imputada terá que aparecer, ou a cicloxénese explosiva… O público xa sabe.  

-Estiveches en Carballo hai un mes no pub Carpe Diem. Unha persoa que fora ao Carpe Diem hai un mes non vai encontrarse co mesmo este venres?  

-Non e, ademais, aínda que conte o mesmo eu nunca o conto igual. Xa non me acordo do que contei no Carpe Diem. O meu público xa o sabe. Parte do Carpe Diem poderá estar e outra non, pero nunca estará contado igual, porque eu non actúo de maneira memorística, senón que actúo cada noite cun repertorio de máis de seis horas, e non está aí todo. É a miña maneira de traballar, é a única maneira de non aburrirse, de non mecanizar. Ten máis a ver co jazz: os músicos de jazz poden tocar a mesma peza pero nunca a tocan igual, e no medio da canción crean momentos de improvisación, de xogo…  

-Es admirador dun humorista carballés como foi O Xestal…

- Eu sempre fun moi admirador do Xestal, que é unha persoa a quen respectei moito e que sufriu moito pola súa condición, a quen homenaxeei no seu día, do que me considero dalgunha maneira un continuador. 

"A xente do audiovisual está emigrando. O audiovisual galego vai florecer proximamente en Londres ou en Berlín, ou en Nova Iork. Ao igual que as mellores historias italianas foron contadas por Scorsese, por De Niro ou por Coppola"

-Estiveches hai uns días presentando a webserie "Clases de lo social" na Coruña. Cal é a importancia que pode ter este formato, ligado ás novas tecnoloxías, para o audiovisual galego, que está en momentos complicados?

-Eu creo que é unha saída fundamental para os rapaces. Teño un fillo de 25 anos que este ano remata os seus estudos, e vai rodar unha curta agora. Se fora hai cinco anos, podería aspirar a ter unha pequena axuda para sacala adiante. Hoxe é imposible, e a única posibilidade é o financiamento por crowfunding, a través das redes. As webseries están tendo moito éxito e teñen a vantaxe de que se poden facer con pouco diñeiro e se tes talento e sorte, podes chegar a autofinancialas a través da publicidade. Se teñen moita difusión, podes chegar a ter publicidade e a financiar o proxecto. A xente nova  neste momento está sufrindo un 57% de paro, que é unha auténtica animalada, malia a ser probablemente a xeración mellor preparada que tivemos nunca. Cando eu estiven en Londres actuando, o 90% dos rapaces tiñan carreira e máster. Unha das poucas saídas que teñen é esta: crear algo especificamente para as redes e ir por aí, porque aí non hai fronteiras. Hoxe en día hai varias moi boas en Galicia, como "Angélica e Roberta", "Entre pipas" e "Clases de lo social", son webseries ben feitas e ben interpretadas. E teñen unha duración máis adecuada para os tempos que corren, cinco ou oito minutos. Creo que é un camiño aínda que apenas está empezando, e que hai carreiro para continuar.

-Falando da situación do audiovisual neste momento, como ves ti que o audiovisual galego se está reinventando neste momento?


  -Pola web, ou senón cara a Londres, onde debe haber 30 ou 40 creadores audiovisuais de primeiro nivel, ou Nova Iork. A xente está emigrando, como sucede cos arquitectos, cos médicos e cos ATS. O audiovisual galego vai florecer proximamente en Londres ou en Berlín, ou en Nova Iork. Ao igual que as mellores historias italianas foron contadas por Scorsese, por De Niro ou por Coppola, en Nova Iork. Ao igual que as mellores historias irlandesas foron contadas por John Ford en Estados Unidos, probablemente, nos próximos meses, as mellores historias galegas serán contadas por unha rapaza galega en Londres, ou por un mociño galego en Nova Iork. En 2013 fun traballar a Londres, e enchín alí catro veces o auditorio, e agora mesmo para moitos de nós, Londres é un punto de traballo como Carballo. De feito, hai máis galegos en Londres ca en Carballo. Nós temos que contemplar xa iso dunha forma normal. Nós temos que actuar onde están os nosos. Case o agradecen máis que vaias porque teñen máis mono de retranca do que nós, que non temos máis que ir ao bar da esquina. Eu xa lle dixen aos amigos: xa estades indo actuar a Londres. A xente precisa que vaiades.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica