Carballo a un paso

Compartir:

Carballo recupera a súa memoria fotográfica

Na web www.carballonamemoria.org, podes atopar unhas 70 fotografías do Carballo antigo, que se incrementarán coas que achegue a cidadanía.

Alumeado de Nadal no Concello (1950± 15 Anos)

Alumeado de Nadal no Concello (1950± 15 anos)

Gustaríache viaxar no tempo até o Carballo antigo? Pois agora poderás facelo. O Concello de Carballo vén de presentar a web "Carballo na memoria" (www.carballonamemoria.org), unha especie de máquina do tempo onde xa agora podes encontrar  unhas setentas fotografías do Carballo do pasado. Nos próximos meses serán moitas máis as que se engadirán, tanto do arquivo propio do concello, como da cidadanía carballesa.

Así que, se es do concello de Carballo, anímate a ir sacando esas fotos vellas que tes no caixón. Se as levas ao Museo de Bergantiños (na rúa Martín Herrera, á beira da Igrexa de San Xoán), dixitalizanchas de balde e subiranas á web do proxecto. Delvolveranche a copia en papel ao cabo duns días xunto coa copia dixital.

Colabora co teu álbum

Alumeado de Nadal no Concello (1950± 15 anos)

Fonte da Praza de Galicia (1950± 15 anos)

"Carballo na memoria" é un proxecto fundamentalmente social que se fará máis e máis grande a partir da participación das e dos carballeses. Pretende non só recuperar a memoria fotográfica da capital de Bergantiños, senón tamén darlle valor engadido, o que se fará de dúas formas.

Por unha banda, crearase unha comunidade interxeracional, onde participarán tanto a xente maior, achegando a súa memoria, como a máis nova, contribuíndo co seu coñecemento das novas tecnoloxías. A web dará a posibilidade de comentar as fotos, a modo de praza común onde poder compartir os recordos do pasado.

Por outro lado, xeolocalizaranse as fotos. Poderán ser superpostas ao StreetView de Google, de maneira tal que poidamos ver a imaxe antiga sobre o fondo actual. Isto será posible mediante o sistema PHOTTIC, que desenvolveu a empresa carballesa Abertal, encargada de levar adiante un proxecto similar de recuperación fotográfica en Vilagarcía de Arousa: "O faiado da memoria"

Cousa de xente nova e vella

Partindo na broa. 1965± 15 Anos

Partindo na broa. 1965± 15 Anos

A web tamén dará a posibilidade de que, as persoas que así o prefiran, poidan subir directamente unha copia dixital das fotos. Da dixitalización do arquivo do Concello, que conta con importantes fondos tanto do valioso material do fotógrafo Xervasio coma do historiador Xan Fraga, encárgarase a Oficina Técnica municipal. Deste xeito preténdese tamén facer máis accesible este importante material histórico ao conxunto da cidadanía.

No proxecto participan, man a man, diferentes departamentos do Concello. As concellerías de Mocidade, Terceira Idade, Novas Tecnoloxías, Educación e Cultura, Participación Cidadá e Normalización colaborarán na procura de "Brigadas dixitais" entre a xente máis nova que axuden á xente maior a volcar a súa memoria e o seu coñecemento nos soportes web do proxecto.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica