Carballo a un paso

Compartir:

A capital bergantiñá ponse guapa con moita arte

Venanzi e Fraile pintando na rúa do Sol

Venanzi e Fraile pintando na rúa do Sol

A arte  é beleza, crea comunidade e ten, como non, propiedades terapéuticas. Estas tres características fan dela un instrumento cun potencial rexenerador único para unha vila. Carballo aproveitarao para embelecer os seus espazos urbanos, cun conxunto de iniciativas que, nos vindeiros meses, converterán os muros e as paredes máis desgastadas da vila en auténticos lenzos pictóricos.

A artista italiana Roberta Venanzi e a manchega Paula Fraile comezaron xa, levando a primavera ao lateral do edificio que están a pintar na rúa do Sol, na rotonda onde está situada a escultura do Artiluxio.

Comezaron a pintar o 26 de novembro

Comezaron a pintar o 26 de novembro

O noso concello ten a fermosura dos vales fértiles de Bergantiños e do litoral da Costa da Morte, máis a súa capital, ao igual que moitas das vilas galegas, padeceu o crecemento desordenado que afectou aos nosos tecidos urbanos dende mediados dos anos sesenta.

Nos últimos anos, foron varias as iniciativas para humanizar o noso casco urbano: a recuperación das marxes do río Anllóns, a peonalización de rúas ou a incorporación de esculturas de coñecidos artistas contemporáneos nas zonas de expansión da vila, que é xa unha das máis poboadas de Galicia. O proxecto "Derrubando muros con pintura", que coordinan Fraile e Venanzi co impulso do Concello, botará man do poder terapeútico da arte para mellorar a saúde da nosa paisaxe urbana.

Nunha foto antes de comezar

Nunha foto antes de comezar

Ao longo dos vindeiros meses, serán varias as paredes da vila que verán recubertos ladrillos e cemento con murais pictóricos. Entre eles, a Escola do Xardín, o túnel de entrada ao barrio da Lagoa e o lavadoiro que está próximo ao Pazo da Cultura. Ademais, intentarase conseguir o permiso de propietarios e propietarias para intervir nos muros de construcións privadas. O equipo coordinado por Venanzi e Fraile estará conformado por un equipo de artistas do que formarán parte nomes como os de Emi de las Heras, Mon Lendoiro, Miguel Calvo, Lola Oviedo e María Xosé Costa Valiño (Chiña).

Non será esta a única iniciativa para o embelecemento da vila con murais pictóricos que se levará a cabo nos vindeiros meses. Unha delas xa se está a levar a desenvolver tamén nestes días. A asociación ambiental Senda Nova, co apoio do Concello, está a realizar un proxecto similar, "Pintamos moito", no que participan un equipo de voluntarias e voluntarios, maiores e pequenos, coordinados por artistas da zona.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica