"O noso local é un local tradicional con cociña de tempada"
Adrián Orge, cociñeiro en O Xabarín
O Xabarín é, de sempre, un dos restaurantes carballeses con máis prestixio. Adrián Orge recibiunos na súa cociña para prepararnos unhas perdices á cazadora. Xunto coa súa nai, María Jesús Vecino, rexenta este local no que, ao redor dunha boa mesa, diante dun gorentoso prato de comida e dunha botella de viño, se cociñan tamén non poucos negocios. Darían, seguro, para escribir un libro, como di, entre risos, Adrián.
-Cando se fundou o Xabarín?
-Non sabemos exactamente en que ano. Penso que debeu ser ao redor do 1975 cando o abriron os antigos donos. Nós levamos aquí dende o 1991.
-É un dos locais con máis soleira en Carballo. Á xente de fóra, se lle preguntas por un restaurante en Carballo, probablemente che digan do Xabarín. Como se consegue ese prestixio?
-Xa tiña fama de antes. Antano non había tantos locais coma agora e, os que había, eran moi coñecidos. Máis ou menos seguimos a mesma liña. É un local tradicional, con produto tradicional, seguindo a cociña de tempada. Agora estamos coa caza; despois virán as angulas, se as hai; a primeiros de ano, a lamprea; despois os cocidos; na primavera pode vir a raia, no San Xoán o bonito…
"As patacas e as cebolas son de Baldaio. A verdura (os grelos, as nabizas…), ou as compramos en Baldaio ou na zona de Rus. As setas adoitan vir da zona de Buño e Ponteceso. E tamén usamos castañas dos arredores"
-Que produtos da zona empregades?
-As patacas e as cebolas son de Baldaio. A verdura (os grelos, as nabizas…), ou as compramos en Baldaio ou na zona de Rus. As setas adoitan vir da zona de Buño e Ponteceso. E tamén usamos castañas dos arredores.
-Por que ides aos produtos de Baldaio?
-Miña nai é de alí.
-En Baldaio hai moi bos produtos de horta…
-Miña nai segue cultivando patacas. Moitas veces trae ela as patacas da casa. A primeira verdura que vai vir para a época de cocidos, en xaneiro ou febreiro, vén da horta da miña nai: as rabizas, os nabos…
-De onde vén o voso nome, O Xabarín?
-Non sei por que se lle chamou así en orixe. O que si che podo dicir é que o xabarín é un dos nosos pratos. Sérvese de outubro a xaneiro. Os xabaríns adoita vir de fóra, fundamentalmente de Estremadura, e son exemplares pequenos, que se cociñan mellor.
-Que tipo de clientela tedes?
-Hoxe en día, de todo. Antes podía ser un pouco máis de clase media-alta, mais hoxe en día hai, dende quen vén tomar unha caña ou picar algo até parellas cos nenos… Pola semana, a clientela é máis de traballo, persoal dalgún banco ou de negocios…
-Os negocios fanse moitas veces máis en lugares coma este ca nos propios despachos…
-Eu podería escribir un libro de cousas que teño escoitado aquí.
-Algo que se poida contar?
-Que se poida contar, realmente creo que non (risos)