"Gústame a cociña tradicional, sen unha elaboración que disfrace o produto"
Loli Brandón, cociñeira e copropietaria da viñoteca Ánfora
Loli Brandón leva xa tres décadas no mundo da hostalería. Diríase que os fogóns foron determinantes na súa vida. Nun restaurante coñeceu ao seu home, tamén cociñeiro, e dende entón o seu día a día transcorre entre pucheiros. Da gastronomía vasca e da galega, as dúas patas esenciais da súa carta, di que se parecen, sobre todo, na calidade dos produtos.
-Canto tempo levades co Ánfora aberto?
-Seis anos. Levamos trinta anos traballando na hostalería. Ao meu home eu coñecino no que hoxe é o Sendero, que daquela era o restaurante Roteiro. Foi el quen me inculcou o gusto pola hostalería. Marchamos para Mallorca, onde tivemos durante dez anos un restaurante de peixes e mariscos, e despois decidimos volver e montar este negocio en Carballo.
-Por que optastes por montar un local como o Ánfora?
-O meu home tiña moi claro que quería unha viñoteca. Entón estaban en auxe. A el gústalle o mundo dos viños e decidimos montar unha viñoteca que, co paso do tempo, case é un restaurante. Comezamos con dúas tapas e hoxe temos case trinta pratos. O local é moi acolledor, dinme que cociño ben e a xente demóstramo e por iso vén. Temos bos produtos, sen unha elaboración que disfrace o produto, porque a min gústame máis a cociña tradicional. E a xente está encantada, acéptamo moi ben.
-Que tipo de produtos utilizades?
-Temos tanto cociña vasca como cociña galega. O produto é galego. Do País Vasco temos pratos como bacallau á vizcaína, pementos "do piquillo" recheos de bacallau, cocochas de bacallau en salsa verde…, e de Galicia, tortilla, raxo, zamburiñas, gambas ao allo…
-Parécense a cociña galega e a vasca?
-Si que se parecen porque hai moi bos produtos tanto aló como aquí.
-O bacallau é un dos vosos produtos estrela, nonsi?
-Si, é o peixe que máis me gusta para traballar. É un peixe cun sabor máis forte co da pescada ou o rape. É un peixe carnoso que ten unhas lascas moi ricas, con esa xelatina que lle da moi bo sabor ao pil pil, e esas cocochas deliciosas en salsa verde.
-Que produtos de Bergantiños empregades?
-As verduras, as patacas, a carne…, son todas da zona. E tamén compramos peixe da nosa costa. Hai que comprar na zona para que a xente da zona tamén consuma. Eu adoito comprarlle a quen me compra, aos meu clientes, facendo que os cartos queden na vila, para que a xente da vila tamén poida consumir nos nosos locais. Imos á praza e ao mercado e compramos os produtos da tempada. Eu compro todo aí.