Artistas locais seguen “Derrubando muros con pintura” na praza Eduardo Pondal e no mercado municipal
Isa Bermúdez coordina un equipo do que tamén forman parte Laura Tova, María Barca, Laura Suárez e Xosé Iglesias
Evencio Ferrero, Xosé Regueira, Laura Tova, María Barca e Isa Bermúdez
Volven ás rúas as artistas de Carballo e da Costa da Morte para seguir Derrubando muros con pintura nunha iniciativa que se repite cada dous anos e que deixa vía libre á creatividade local para seguir estendendo o noso gran museo ao aire libre por todo o espazo urbano. Nesta ocasión contamos cun batallón feminino integrado por Isa Bermúdez, Laura Tova, María Barca e Laura Suárez para derrubar muros na Praza Eduardo Pondal, e xunto a elas estará o multifacético Xosé Iglesias para realizar unha instalación de inspiración mariñeira no mercado municipal. A proposta promete.
Esta nova edición estival arrincou na mesma Praza Eduardo Pondal coa presentación da iniciativa, nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, e as tres artistas carballesas que derrubarán muros con pintura.
Ademais de ter a oportunidade de ver a estes novos creadores e creadoras pintar en directo, durante os 12 días de festival tamén haberá outras actividades organizadas ao redor da arte e a cultura urbanas, entre elas un obradoiro de pintura de cerámica para maiores de 12 anos impartido por María Barca. O taller celebrarase o día 11, ás 17.00 horas, no Museo de Bergantiños. As inscricións deben realizarse enviando nome completo, número de teléfono e data de nacemento a museo@carballo.gal. E aínda que o festival rematará o día 15, para o 14 está prevista unha festa de clausura con música, sesión vermú e un coloquio coas artistas.