“Os fogóns do Anllóns”, no plan territorial de sustentabilidade turística de enogastronomía de Galicia
O proxecto agrupa aos concellos de Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, A Laracha e Ponteceso e conta co apoio da Deputación
O pan de Carballo, a pataca de Coristanco, o berberecho de Baldaio ou do esteiro do Anllóns, as fabas de Ponteceso, as cereixas de Paiosaco ou as festas que se celebran arredor destes produtos converten Bergantiños nunha comarca cun tremendo potencial gastronómico, que nun futuro próximo contribuirá á promoción de Galicia como destino enogastronómico de primeiro nivel.
Os fogóns do Anllóns, o proxecto impulsado polos cinco concellos ribeiráns a través de Turismo da Deputación da Coruña, formará parte do Plan territorial de sustentabilidade turística de enogastronomía de Galicia, que vén de ser aprobado polo Consello da Xunta para a súa presentación na próxima Conferencia Sectorial de Turismo. Unha gran nova para a comarca.
A gastronomía local é o eixo central do proxecto, que ten un orzamento de 1,5 millóns de euros, pero non o único, porque con Os fogóns do Anllóns tamén se aposta pola mellora da competitividade do sector turístico, pola transición dixital e pola sustentabilidade do territorio a través de accións como a creación dunha rede de miradoiros e de novos espazos como praias fluviais ou a posta en marcha de servizos de paseo en embarcacións, alugueiro de bicicletas ou rutas de cicloturismo.