Carballo a un paso

Inicio // Que ver // Os miradoiros

Compartir:

Os miradoiros

Os cumes de Carballo

Se sobes aos nosos miradoiros naturais, de seguida te decatarás do diversa e humanizada da nosa paisaxe.

Desde o miradoiro de Sambade poderás observar a marisma de Baldaio desde moi preto e gozar da calma, do sosego e da inmensa beleza de toda a súa contorna. No espazo hai instalados paneis interpretativos, que informan da importancia da marisma para a conservación dos recursos naturais que nela habitan.

Miradoiro de Santa Irene do Castrillón

En Santa Irene de Castrillón, outeiro preto da estrada que vai de Razo a Baldaio, prenderante as vistas do Atlántico fundíndose coa lagoa. O miradoiro é un punto privilexiado para observar, ao lonxe, o espazo natural Razo-Baldaio. Este fermoso e completo conxunto de areal, dunas, lagoa e marisma é unha das zonas de maior valor ecolóxico de Galicia.

Está á beira dunha capela construída na acrópole dun castro.

Miradoiro de Vilela

Na estrada que une Carballo e Caión atoparedes unha mesa panorámica xusto fronte ao impresionante espazo natural de Razo-Baldaio. Dende este miradoiro pode verse toda a costa carballesa: Monte Neme, Razo, Malpica, o miradoiro e capela de Santa Irene, os baixos de Baldaio, o sistema dunar, a lagoa e praia de Baldaio, a marisma e as praias de Pedra do Sal, Arnela e Leira. 

Grazas á Axencia de Turismo de Galicia esta mesa panorámica agocha todos os segredos da costa carballesa que os visitantes poden coñecer mentres a teñen diante. Así, pode realizarse unha navegación dende o miradoiro ata o recurso que se desexe, compartir información, ver os recursos sobre un mapa, crear rutas... E todo iso en tres idiomas -galego, castelán e inglés- e dun xeito accesible.

Miradoiro de Santa Mariña

Magníficas son as vistas do Atlántico dende Santa Mariña, lugar da parroquia de Razo elevado sobre os cantís. Pode verse toda a lonxitude do areal de Razo, a lagoa de Baldaio e todas as vistas máis aló do noso concello.

Deste este punto verás como o horizonte se alonga dende Malpica até Punta Langosteira, preto da Coruña, e mesmo máis aló.

Miradoiro de Sambade

No sur do concello destacan cumes como o monte da Peniqueira, con vistas únicas do noso Carballo interior, ou o monte Calvelo, dende o que se observa o mar ao lonxe.

Xa nas proximidades da costa, ademais do mítico Monte Neme, temos os Montes de Lendo e Oza. Mais quen queira xogar a posuír o infindo coa mirada haberá subir ao Petón do Lobo, entre Vilar de Cidre e Pardiñas (na parroquia costeira de Razo) e intentar abranguer toda a beleza da panorámica comprendida entre as illas Sisargas e a Pedra do Sal.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica