As férvedas de Entrecruces e de Rus
A férveda de San Paio e a de Ramil saltan valentes sobre o desnivel no terreo provocado pola Depresión Meridiana. Adéntrate, para coñecelo, na ruta oficial de sendeirismo PR-G 142.
A fervenza de San Paio
A fervenza de San Paio
A férveda de San Paio encóntrase na parroquia de Entrecruces.
O río Outón parte en dous sobre a dura e negra rocha ao precipitarse dende unha altura de máis de 40 metros.
Conforma todo un espectáculo de auga e de escuma. A ela chegarás por antigos sendeiros coñecidos polas e polos habitantes da zona como "camiños reais".
Na súa contorna, podemos gozar da vexetación de ribeira e encontrarás os restos de antigos muíños, agora restaurados, e da que foi a primeira central hidroeléctrica do concello, que permitiu substituír a iluminación pública de gas acetileno por luz eléctrica aló polo 1915.
Até a férveda poderás chegar polo desvío, na estrada de Carballo a Santiago, que encontrarás preto dos lindes da parroquia de Entrecruces con Tordoia.
A fervenza de Ramil
A fervenza de Ramil
A fervenza de Ramil, en Rus, menos alta que a de Entrecruces, atópase moi pretiño da igrexa barroca de Santa María. Sorprenden os tobogáns que a auga debuxa ao caer sobre rochas de gran dureza que o río non foi quen de erosionar.
Chegarás a ela collendo o desvío a Ramil, así indicado, á esquerda, na estrada que vai de Carballo a Santiago, a poucos quilómetros da saída da vila. Moi preto encontrarás unha pequena capela, cunha coidada área de lecer onde poderás recuperar forzas, cun parque para xogar as crianzas.