"A clave está en pasalo tan ben como o pasamos facendo o que facemos"
Gloria Mosquera, a voz de Mamá Cabra
Hoxe pola noite teremos con nós a Mamá Cabra, o grupo de música infantil que está poñendo a cantar e bailar á xente miúda da casa con pezas que son xa auténticos ghits. Presentarannos o seu último traballo, Bicos de música, que foi publicado na editorial Galaxia como CD e libro ilustrado hai uns meses. Estarán na Praza do Concello a partir das 22.00, mais xa a primeira hora da mañá quixeron falar con nós para facernos un adianto da que nos teñen preparada. Falamos con Gloria Mosquera, a voz do grupo.
Gloria Mosquera, do grupo Mamá Cabra
-Que nos ides ofrecer esta noite, Gloria?
-Ímosvos levar o noso novo espectáculo, "Bicos de Música". Consiste en cantar e en bailar. Hai cancións para non ter medo, para coñecer a nosa tradición, para aprender sempre algo pasándoo ben.
-Que música lles gusta ás nenas e aos nenos de hoxe en día?
-A música actual, que teña moito ritmo, que sexa alegre, e tamén todo aquilo que lle escoitan a profes, nais e pais, ben sexa clásico, rock, hip hop, rock…. No noso grupo hai moitos estilos de música distintos. Hai xente do tradicional, do rock, da samba…, pero coincidimos en que hai que probar de todo. As posibilidades están na mestura.
-E cal é o segredo do voso éxito?
-O segredo é ter a posibilidade de chegar ao público infantil. Hai xente que está facendo cousas boas pero que non ten esa posibilidade, que non pode gravar un CD, por exemplo. E a clave está tamén en pasalo tan ben como nós o pasamos facendo o que facemos. .
"Aos nenos e ás nenas gústalles a música actual, que teña moito ritmo, que sexa alegre, e tamén todo aquilo que lle escoitan a profes, nais e pais, ben sexa clásico, rock, hip hop, rock…"
-Non é a primeira vez que estades en Carballo. Que recordos gardades da xente da nosa vila?
-Moi bos recordos. Adoitamos ir ao auditorio do Pazo da Cultura, e gústannos moito as súas condicións acústicas e como está levado e coidado. Xa noutra ocasión actuamos na praza pola noite, á fresca, e saiunos moi ben, e iso que nos preguntabamos se iamos ter nenos ás dez da noite. Pero había, había…, e tamén moi bo ambiente.
-E que lembranzas tedes dos nenos e nenas de Carballo?
-Temos un recordo moi especial, porque aquí gravamos un dvd para o noso penúltimo traballo, o Ola, ola. Vémolos medrar e dentro de pouco verémolos ir á universidade (risos). Nesa ocasión, vestímonos con traxe de baño, porque ese traballo tiña motivos que tiñan que ver co mar, e mesmo houbo dúas nenas que levaron traxe de neopreno e táboa de surf.
Hai moitísima máis xente da que pensamos que sabe do importante que é que, para que un idioma se conserve, se cante.
-Nas vosas cancións empregades o galego, malia a que, entre as xeracións máis novas, está habendo perda de galegofalantes...
-O galego sempre estivo en crise, mais o certo é que, no fondo, hai moitísima máis xente da que pensamos que sabe do importante que é que, para que un idioma se conserve, se cante. Hai pais e nais castelanfalantes que veñen a vernos porque queren que os seus fillos coñezan o galego, e unha maneira lúdica de facelo é con Mamá Cabra.