Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Este verán seguimos Derrubando muros con dez días...

Compartir:

Este verán seguimos Derrubando muros con dez días nos que Carballo gañará catro novos murais

Catro artistas da vila intervirán noutros tantos espazos e tamén haberá actividades paralelas con obradoiros, faladoiros e citas musicais

Derrubando muros con pintura

NOVAS RELACIONADAS:
Mr Kilombo, en Carballo con Derrubando Muros con Pintura

28 de xullo de 2021 
- Este verán Derrubando muros con pintura, a iniciativa centrada en acabar con boa parte do feísmo padecido nas rúas carballesas e en ir construíndo novos espazos cheos de cores e de arte, volve durante dez días. Entre o 12 e o 22 de agosto catro novas creadoras e creadores de Carballo realizarán outros tantos murais mentres a veciñanza pode ir observando o progreso do seu traballo. Isa Bermúdez, Nere Rama “Bailando na lúa”, Nazaret e Tucho serán os encargados de actuar na rúa Xazmíns, na traseira da Ludoteca Municipal, na rúa Igrexa -na zona do aparcamento do San Martiño- e por último na traseira do auditorio do IES Alfredo Brañas.

Todas as citas e obradoiros serán de balde e respectando toda as medidas de seguridade e aforo COVID

Trátase dunha aposta por novos valores da vila, xa que todos os artistas son moi xoves, ningún supera os 25 anos e unha delas ten só 19 anos. Trátase de Isa Bermúdez, titulada en Dourado, prateado e policromía pola EASD Pablo Picasso. Na actualidade é estudante de deseño de interiores na mesma escola. Xa conta con dous murais previos, un en Sobrado dos Monxes e outro en Santiago de Compostela. Nere Rama “Bailando na lúa” naceu en Xenebra pero é unha carballesa que actualmente está estudando o Grao de Belas Artes na Universidade de Vigo. Os seus proxectos persoais están especialmente ligados á pintura e ao debuxo, traballando cada vez nun formato maior, o que fixo que se interesara no muralismo. Ten pintado lenzos en directo con Orballo Cultural.

Nazaret Franco Rodríguez, Nazaret, está a estudar na Universidad Rey Juan Carlos de Madrid un dobre grao en Fundamentos da Arquitectura e Deseño Integral e Xestión da imaxe, con especial interese no debuxo e a pintura. Entre as súas afeccións tamén está a ximnasia rítmica, sendo adestradora ademais de deportista federada. Por último, intervirá Antón Díaz, Tucho, carballés do Chorís e recen licenciado en Belas Artes, quen está previsto que actúe precisamente no seu barrio. En abril deste ano expuxo a súa obra no Pazo da Cultura de Carballo coa mostra “Nosa terra” -comisariada por Manuel Rodríguez- con cadros nostálxicos nos que aparecía desde a Dulcería Vella até unha escena no parque acuático de Cerceda, pero tamén con obras sobre o chapapote do Prestige ou os mártires de Sofán. El mesmo recoñece que bebe das fontes de Castelao, Laxeiro, Maside e Seoane, pero cunha mirada moi persoal.

Actividades paralelas

Ademais de ter a oportunidade de ver a estes novos creadores expresar todo o seu talento en catro novos murais que darán vida ás rúas de Carballo, durante estes dez días de pintura tamén haberá actividades organizadas arredor da arte, todas elas de balde. O día 14 de agosto está previsto abrir oficialmente a programación cunha cita no palco da rúa Jacinto Amigo Lera. Así, haberá un faladoiro e coloquio arredor da arte urbana que se completa cun recital poético con aires rocanroleiros no que estarán a poetista e escritora carballesa Rosalía Fernández Rial e Mr. Kilombo.

Ademais, haberá obradoiros de balde para crianzas e para adultos coordinados polos catro artistas convidados.

  • Obradoiro de rotulación: xoves 19 de agosto de 10.00 a 13.30 h. nun escaparate do Mercado Municipal. Para maiores de 16 anos. Aforo máximo 8 persoas.
  • Obradoiro de pintura para crianzas: domingo 22 de agosto de 10.00 a 13.00 h. As nenas e nenos que participen terán a oportunidade de pintar un novo mural na rúa Buenos Aires coa axuda dos e das artistas. Para nenas e nenos de 6 a 11 anos. Aforo máximo de 10 crianzas.

Por último, o día 22 pecharase a iniciativa cunha ruta guiada polas novas obras de arte urbana e unha cita sorpresa xa cara á noitiña. Neste caso informarase puntualmente no seu momento das e dos artistas convidados, dos horarios e de todos os detalles dos concertos. Todas as citas celebraranse respectando todos os protocolos de seguridade COVID-19. A iniciativa está organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo que dirixe Xosé Regueira e a Concellaría de Mocidade que dirixe Maruxa Suárez Cotelo.


Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atlántica