Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Coñece Carballo este verán cun caderno de...

Compartir:

Coñece Carballo este verán cun caderno de pasatempos!

Sudokus, encrucillados, sopas de letras... Recólleo gratis nas oficinas de turismo de Razo e Carballo, nos postos de salvamento ou na Biblioteca

23 de xullo de 2021 - Xa compraches os teus cadernos de pasatempos para pasar o rato este verán? Pois polo menos, aforrámosche un deles, xa que podes recoller de balde o que acabamos de editar coa imaxe da píllara das dunas. Este paxaro non só é un dos habitantes máis emblemáticos e ameazados dos nosos areais, senón que tamén se converte nunha revista de pasatempos e lecer que combina os xogos de palabras cos numéricos e de lóxica, e todo centrado nas particularidades de Carballo. Trátase dunha iniciativa da AS-PG e o Concello de Carballo e a autoría dos pasatempos é de Xoán Costa.

Temos 2.000 exemplares que podedes solicitar, ata fin de existencias, no punto de información turística e bibliopraia de Razo, nos postos de salvamento de Baldaio-As Saíñas e A Pedra do Sal, nas bibliotecas municipais e na Oficina de Turismo do Museo de Bergantiños. A variedade do caderno farache pasar horas moi entretidas, xa que a píllara vai presentando distintas probas, dende atopar nas sopas de letras a outros animais cos que comparte hábitat ou as 18 parroquias do noso concello, ata buscar nun labirinto o camiño que atravesa o castro de Cotomil. E ademais, a publicación inclúe varios códigos QR que nos permiten escoitar o asubío de distintas aves ou a música de grupos locais.

Ven xa a buscar o teu caderno!!!


Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atlántica