Carballo a un paso

Inicio // Artigos // "O vínculo afectivo refórzase nese momento no que...

Compartir:

"O vínculo afectivo refórzase nese momento no que se ten ao pequeno contra o peito e o peito vibra a o cantar"

Xabier Díaz, músico de Berrogüetto, imparte en Carballo un obradoiro de nanas

Xabier Díaz é músico en Berrogüetto, un dos grupos galegos máis internacionais. O mércores, 20 de novembro, tivémolo en Carballo, nunha iniciativa na que o noso concello é pioneiro: un obradoiro de nanas en galego para todos aqueles papás e mamás que queiran aprender a adormentar aos seus bebés co canto da súa voz. En 2010, Xabier Díaz e Guillerme Fernández publicaron "Arrolos de salitre", un disco coral de nanas. Cantos de berce que lle están ensinando a cantar ás persoas que asisten ás dúas sesións que conforman o curso, o 20 e o 27 de novembro. O obradoiro, que chega este ano á súa terceira edición, é gratuíto, impártese no Pazo da Cultura, e é iniciativa do noso Servizo de Normalización Lingüística.

-Como xorde a idea de organizar un obradoiro de cantos de berce?

-O obradoiro ten un cometido esencial e nítido: que os pais se impliquen no  proceso de coñecer as cancións e de facelas propias. A maior parte das veces, cando nós imos facer este tipo de encontros, os papás e as mamás son só escoitantes. Mais nesta proposta carballesa trátase de que se poñan a cantar. O pasado ano foi moi grato descubrir como ao final do obradoiro, mellor ou peor, todo o mundo marchou cantando as cancións. Iso paréceme moi bonito.

-E o ano pasado, como reaccionou a xente?

-A primeira media hora un pouco cohibidos por iso de botarse a cantar. Imaxínome que o feito de ter diante unha persoa que se dedica a cantar de maneira profesional non lles axudou moito. Mais ao cabo da primeira hora, estabamos absolutamente mergullados no asunto, cantándoas, dándolles voltas para atrás e para adiante. Sorprendeume moito, porque non tiveramos esa experiencia con anterioridade.

Edición do 2012 do obradoiro de nanas

Edición do 2012 do obradoiro de nanas

-Hai cousas, como os cantos de berce, que o play dunha máquina non pode substituír…

  - O obxectivo dun disco como este é dalgunha maneira poñer en valor esas cancións como vínculo que se establece cos pequenos, como un xeito marabilloso de invitalos a que durman dunha maneira plácida e tranquila, todo iso adubado co vínculo afectivo, que se reforza nese momento no que se ten ao pequeno contra o peito, nese momento no que estás a cantar e o peito vibra. Para os pequechos iso é moi pracenteiro. É unha pena que se perdan este tipo de costumes. Hai cousas que o mundo dixital non se pode suplantar.

 -E como xurdiu a idea do disco, de "Arrolos de salitre"?

-Eramos conscientes de que había unha especie de oco neste campo. Eu dediqueime uns cantos anos á facer recollas, traballo de campo, e vin como os arrolos formaban parte de toda esa información que os maiores gardaban. Grande parte dos arrolos que están no disco, precisamente, teñen esa procedencia. Son produto de andar esculcando nese arquivo que fomos facendo durante anos. Moitos estaban alí agochados. Nun momento determinado, fíxosenos un encargo ao respecto, e puxémonos mans á obra. 

-Tes recollido algún canto de berce da zona de Bergantiños?

  -Algún si. Lembro agora mesmo un que forma parte do disco, que se chama Arrolo de Vigo dos Toxos, da zona de Malpica. Xosé de Vigo dos Toxos era un cantor popular que cantaba moi ben, moi bonito, ao que un día lle teremos que facer algún tipo de homenaxe, porque era un deses homes da bisbarra que gardaban o cerne, o máis auténtico e o máis enxebre da música popular. El cantou un arrolo moi bonito que ademais é o único que interpretei no disco.  Era un veciño voso que morreu desgraciadamente hai un ano ou un par de anos. O cal lle dá un valor engadido ao traballo, porque se trata de preservar esa cadea de transmisión oral que moitas veces fica esgazada seguramente por culpa destes tempos megadixitais, no que parece que todo o van arranxar as máquinas. Mais hai cousas que as máquinas non fan, a min o xantar aínda non mo acaban de facer (risos)

"No disco Arrolos de Salitre articiparon artistas naquel momento emerxentes, pero que agora son de total actualidade, como Sés ou Xoán Curiel. E tamén contamos con outra xente, a maior parte vinculada co mundo da música tradicional"

-No disco, a parte dos arrolos tradicionais, tamén hai composicións de nova creación…

-A maior parte dos arrolos son de estrato popular, mais tamén é certo que hai algúns autorais. Musicamos, por exemplo, un cantar de berce dun autor da metade do século pasado, Carlos Rivero Troncoso, "Gaiteiros de Vainilla", que a min me gusta especialmente e que el lle dedicou a un fillo que entón nacía. Doutro son eu o autor do texto, e foi musicado por Guille mais por min…

-Tamén participaron artistas entón, naquel 2010 que se editou, emerxentes, tal é o caso de Sés, que ten raíces bergantiñás e carballesas, por certo…

-Si, participaron artistas naquel momento emerxentes, pero que agora son de total actualidade, como Sés ou Xoán Curiel. E tamén contamos con outra xente, a maior parte vinculada co mundo da música tradicional. Pareceunos que era unha oportunidade bonita para presentarlle á xente que nos coñece artistas non moi coñecidos dentro do ámbito da música, que fixeron un traballo magnífico. O lustre que veu collendo o disco vén por alí, porque nos regalaron moito talento. Eran xente que non tiñan unha popularidade moi grande pero que no disco demostraron que teñen un talento indiscutible. Para nós foi moi grato poder axudar a difundir eses novos valores.


Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atlántica