Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Festival de corais carballesas, mañá no Pazo da...

Compartir:

Festival de corais carballesas, mañá no Pazo da Cultura

Actuarán a veterana Coral Polifónica de Bergantiños, o Coro Aires de Bergantiños e a Agrupación Polifónica de Carballo

"O gusto pola música, en Carballo, calla en facetas e estilos moi diversos. Unha delas, que enganchou a un bo número de carballeses e de carballesas, é a música coral"

O gusto pola música, en Carballo, calla en facetas e estilos moi diversos. Unha delas, que ten enganchado a un bo número de carballeses e de carballesas, é a música coral. A parte dos numerosos coros parroquiais, hai tres que sobresaen, e terás oportunidade de escoitalos no Pazo da Cultura e de maneira gratuíta, o sábado a partir das nove da noite. Será no festival de corais que organiza o concello.

Actuarán a Coral Polifónica de Bergantiños, o Coro Aires de Bergantiños e a Agrupación Polifónica de Carballo. E, se tes afección pola música de coro, para a semana poderás repetir. Tamén no Pazo da Cultura, e en homenaxe á padroa da música, celebrarase o sábado 23 o festival Santa Cecilia, organizado pola Coral Polifónica de Carballo. Avanzámosche o programa de mañá.

A coral carballesa máis veterana

Coral Polifónica de Bergantiños

Coral Polifónica de Bergantiños

A Coral Polifónica de Bergantiños é un referente en Galicia e a máis veterana das agrupacións carballesas que practican este tipo de música. Naceu aló polos anos 1969, ligada á parroquia de San Xoán e ao teleclub, e varias das voces que a integran (nada máis e nada menos que a metade) foron recoñecidas coa insignia Marcial Adalid concedida pola Academia Galega de Belas Artes.

Nesta ocasión, comezarán a súa actuación con a "Coloradiña", unha composición popular dese gran impulsor da música coral en Galicia que foi Francisco Rey Rivero, falecido o pasado ano,  e proseguirán con outras dúas pezas populares, "Nos caneiros" e "A vella chalana", e coa guaracha portorriqueña "No me iré".

O noso coro máis tradicional.

Coro Aires de Bergantiños

Coro Aires de Bergantiños

O Coro Aires de Bergantiños destaca polo seu papel na recuperación do patrimonio tradicional galego, o que se fai patente tanto nos instrumentos e nos vestiarios que empregan (traxes típicos das diferentes comarcas galegas) como na recuperación de músicas e cantos da terra. Foi fundado no 1985 por, entre outros, o coñecido humorista Carlos Díaz, "O Xestal".

O seu será un repertorio de foliadas. Interpretarán as foliadas de Berducido, Ulla,  e Sabaxáns, así como a pandeirada de Laxe.

A nosa coral máis nova

Agrupación Polifónica de Carballo

Agrupación Polifónica de Carballo

A Agrupación Polifónica de Carballo é a máis nova das tres corais. O próximo 13 de decembro fará, de feito, os 12 anos. Mais moitas das e dos seus integrantes son voces xa veteranos e mesmo foron fundadores da Coral Polifónica de Bergantiños e, nalgún caso, galardoados coa medalla de prata Marcial Adalid.

No seu repertorio, composto polas pezas "A Perla", "Mariñeiro" e Fisterra, ademais dun popurri final, combinan polifonías e música popular. Contan cos arranxos do seu director e, tamén compositor, Javier Otero. As tres corais unirán as súas voces para pechar o festival. Será coa foliada "Marmuradora".

Lembra, poderás velas e escoitalas este sábado, no Pazo, e de maneira totalmente gratuita.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atlántica