Carballo a un paso

Compartir:

Primavera enDanza cumpre 18 anos este outono!

Esta edición celébrase do 27 de novembro ao 7 de decembro e reivindica a cultura segura programando cinco espectáculos de danza contemporánea

Primavera enDanza

23 de novembro de 2020 - Primavera enDanza, o ciclo de danza contemporánea máis veterano de Galicia, cumpre 18 anos de vida e, por unha vez, celébrase en outono. A incerteza derivada da pandemia da COVID-19 impediu a súa celebración nas datas habituais, pero se algo levamos aprendido dende marzo é que a cultura é segura. Por iso, Primavera enDanza chega no outono -do 27 de novembro ao 7 de decembro- pero o cambio de estación non impide a programación de cinco espectáculos ao máis alto nivel de catro compañías galegas e unha madrileña. O auditorio do Pazo da Cultura abre de novo as súas portas para converterse no escenario de propostas para todo tipo de público, que van dende a tradición até a maior expresión de danza contemporánea, pasando pola danza aérea ou espectáculos que recorren ao uso das novas tecnoloxías ou á música en directo para reforzar a súa mensaxe, pero que, en calquera caso, foxen da imaxe de espectáculo minoritario e exclusivo que tantas veces se asocia erroneamente á danza.

Este ano, as diferentes montaxes artéllanse arredor dun elemento común, que é a reivindicación da figura da muller, protagonista absoluta desta “Primavera enDanza en outono”. Ademais do seu interese intrínseco, a danza contemporánea é unha manifestación artística con gran repercusión nas artes escénicas actuais que ten un alto potencial creativo, de innovación e de experimentación. Así que se queres estar á última nas propostas do audiovisual, a imaxe, a música e o movemento non podes faltar.

PROGRAMA

Este é o programa:

  • Sábado 5 de decembro (20.00 horas): Sintempo, da compañía madrileña de Sara Cano, premiada recentemente co Max á mellor coreógrafa do 2020.
  • Domingo 6 de decembro (20.00 horas): Médula, da compañía galega Exire, integrada por Ana Beatriz Pérez e a carballesa Alba Fernández.
  • Luns 7 de decembro (20.30 horas): Alma (non é hippie), espectáculo de danza aérea co Colectivo Verticalia & Pistacatro.

ENTRADAS

Debido ás restricións sanitarias vixentes, só se poñerán á venda 30 entradas para cada espectáculo. Poderán adquirirse o mesmo día da función na billeteira do Pazo da Cultura dende 60 minutos antes do inicio da actuación. Os prezos son de 4 euros (3 para colectivos con desconto) para as sesións dos días 27 de novembro, 6 e 7 de decembro, e de 5 euros (3,5 reducido), para os días 28 de novembro e 5 de decembro.


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica