Carballo a un paso

Compartir:

Razo e a Costa da Morte soben o primeiro chanzo para ser Reserva Mundial de Surf

A ONG Save the Waves acaba de anunciar que a candidatura pasou o primeiro corte e segue loitando para protexer as nosas ondas

Autoridades e persoas implicadas na candidatura anunciaron a boa nova na praia de Razo

Autoridades e persoas implicadas na candidatura anunciaron a boa nova na praia de Razo

Razo, xunto con outras nove praias da Costa da Morte, continúa na carreira para converterse na primeira reserva mundial de surf (World Surfing Reserve) de España e a segunda de Europa. A ONG Save the Waves Coalition, encargada de conceder o distintivo, vén de anunciar oficialmente que a proposta da Costa da Morte foi recoñecida como candidatura, superando o primeiro chanzo para acadar o obxectivo de protexer aínda máis o noso litoral e as nosas ondas. O Vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable das áreas de Turismo tanto do ente provincial como do Concello de Carballo, Xosé Regueira, vén de anuncialo en Razo acompañado do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; do Alcalde da Laracha e Vicepresidente da CMAT, José Manuel López Varela; de representantes das escolas de surf da costa carballesa; e doutras persoas implicadas na creación da candidatura.

A candidatura ten ata final de ano para seguir traballando no proxecto, ampliando e reforzando o traballo realizado

Segundo explica Regueira, este primeiro chanzo significa "que cumprimos os requerimentos para ter en conta a cadidatura", o que xa é todo un logro. Tamén quere subliñar que é moi difícil de conseguir no primeiro intento, pero que o equipo está "moi contento" co resultado. Agora o proxecto ten ata final de ano para ampliar e mellorar a proposta e seguir traballando de cara á certificación. Logo do verán, cando remate a tempada alta para o sector do surf, reanudaranse as reunións para seguir dando pasos. Entre eles, subliña o Vicepresidente da Deputación, a declaración da zona como Reserva Local de Surf co acordo de todas as administración implicadas para plasmar o compromiso coa protección do medio ambiente, das ondas e da práctica do deporte sostible.

Un lugar para practicar surf todo o ano

Surf en Razo

Surf en Razo

Entre as vantaxes que ten a Costa da Morte para poder optar a ser Reserva Mundial de Surf, hai que destacar que é un destino para practicar este deporte todo o ano, o que, en verbas de Fabián Rubio, de Raz Surf Camp - a primeira Escola de Surf que funciona en España desde 1991-, é un signo máis de que "esta zona é estupenda e temos que quitarnos os complexos e poñela en valor". Tamén subliñou que, canto máis viaxa a outros destinos para a práctica do surf, máis valora o que temos na Costa da Morte. Así mesmo, José Manuel López Varela quixo subliñar o atractivo turístico de toda a zona, moi importante tamén para a promoción económica, sempre en base aos criterios de sostibilidade e protección da natureza.

Save the Waves Coalition é unha ONG do mundo surfeiro que naceu en 2009 coa finalidade de protexer as ondas das praias cun alto valor ambiental, cultural, económico e social. Coa figura de World Surfing Reserve teñen recoñecidos once territorios en todo o mundo que dende que acadaron esa denominación son hoxe destinos a nivel internacional. Forman parte deste selecto club Noosa, Gold Coast e Manly Beach (en Australia), Punta Borinquer (Puerto Rico), Guarda do Embarú (Brasil), Punta de Lobos (Chile) Bahía de Todos Santos e Baja (México), Huanchaco (Perú), Santa Cruz e Malibú (California) e Ericeira (Portugal).


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader