Carballo a un paso

Compartir:

Carballo por Etapas: para probar a bocados a nosa mellor gastronomía

Un total de 17 locais hostaleiros participan na sétima edición desta iniciativa que ademais reparte centos de agasallos

Carballo por Etapas

Carballo por Etapas cumpre sete anos levando o mellor da gastronomía local aos padais de centos de veciños e visitantes que acoden aos bares, tascas e restaurantes da vila para gozar dos nosos produtos. Por dous euros a tapa poderemos probar as delicias do mar con bacallau, gambóns, polbo, mexillóns chipiróns ou atún Calvo; e da terra con solombo de porco, polo, vaca, verduras frescas, xamón ou as nosas saborosas patacas, entre outros moitos manxares. As datas: os días 24, 25, 26 e 31 de maio e o 1 e 2 de xuño en dúas fins de semana consecutivas de venres a domingo. Os horarios: venres de 20.00 a 22.00 horas e sábados e domingos de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 22.00 horas.

Este ano son 17 os locais hostaleiros que se animaron participar nesta ruta gastronómica: A Barra Bar, A Nova Ferradora, A Nova Tasca, Cafetería Habanos 79, Cervecería Ágora, Cervecería A Tapería, Korner Carballo, Mesón A Cabaña, Mesón As Viandas, Oasis Restaurante-Vinoteca, O’Burato 26 Marisquería, Restaurante A Esmorga, Restaurante Mesón do Pulpo, Restaurante Vinoteca A de Pako, Taberna O Mexillón, Trattoría Pizzeria Vesuvio e Vinoteca Ánfora. Representantes destes locais estiveron na presentación da iniciativa, na que tamén participaron colaboradores e patrocinadores, así como o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira.

Dúas tapas a escoller en cada local

Quen se acheguen a Carballo por Etapas poderán escoller entre dúas tapas en cada local cada fin de semana. Na primeira finde, unha delas terá como ingrediente o atún, xa que Calvo volve a colaborar achegando conserva para a elaboración das tapas. E o menú con todas para cada finde estará no Facebook de Carballo por Etapas para que así poidades escoller: https://www.facebook.com/carballoporetapas/. Ademais, a clientela recibirá con cada tapa un rasca co que poderán obter premios directos como por exemplo camisetas, libretas, bolígrafos, xogos de seis copas de viño cedidos por Proquiber, botellas de viño magnum cortesía de Distribuciones Cotelo e Bebidas y Bodegas Carballo ou outra tapa no mesmo local para poder seguir gozando da comida.

Por último,  de novo e grazas á colaboración do Concello de Cabana de Bergantiños, haberá un tren percorrendo a ruta durante os días de Carballo por Etapas, con paradas diante de todos os bares participantes. O tren circulará os venres 24 e 31 de maio de 19.00 a 21.00 horas e o resto dos días de 12.00 a 13.30 h. (excepto o domingo 26 que non circulará pola mañá) e de 18.00 a 21.00 h. O punto de saída será a rúa Desiderio Varela cunha frecuencia de 30 minutos, aproximadamente.

Xa só vos queda escoller a vosa tapa favorita, e a probar!


Ligazóns

Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica