Carballo a un paso

Compartir:

Tes en marcha unha webserie? Ou algunha en proxecto? Participa no Carballo Interplay!

Tendes até o 18 de febreiro para presentar as vosas propostas no festival de contidos dixitais de Carballo que se celebrará a primeiros de abril

Carballo Interplay

A sexta edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 3, 4, 5 e 6 de abril de 2019, abre a inscrición para que todas aquelas persoas que o desexen presenten as súas webseries ou proxectos de webserie á súa sección oficial, que repartirá máis de 5.000 euros en premios. Poden facelo dende xa e até o 18 de febreiro a través da web www.carballointerplay.com, de xeito gratuíto. As webseries participantes, que deben ser producidas entre os anos 2017 e 2019 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento de inscrición, poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou de animación, nacionais ou internacionais.

O certame reparte máis de 5.000 euros en premios, incluíndo categorías como mellor guión ou premio do público

Entre as webseries recibidas, un xurado composto por profesionais do sector audiovisual e da cultura, así como de representantes de asociacións profesionais relacionadas co sector premiará a mellor webserie, a mellor webserie internacional e a mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría. As escollas do xurado novo e máis do público levarán 400 euros e trofeo, cada unha. Tamén haberá un premio ao mellor guión e un premio á mellor dirección, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse cadanseu trofeo á mellor actriz e ao mellor actor.

Webseries producidas en Galicia

As webseries producidas en Galicia optan, polo tanto, aos dous premios de Mellor webserie e Mellor webserie VO Galego. En todo caso, só poden optar ao premio á Mellor webserie VO Galego aqueles traballos cuxa versión orixinal sexa en lingua galega. Ademais, o Carballo Interplay ofrecerá un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto de webserie en galego. O galardón resolverase cun pitching en directo durante o festival e a dotación económica deberá destinarse á produción dos primeiros capítulos da webserie premiada, que se proxectarán na sexta edición do festival.

Así que xa sabedes, agardámosvos en Carballo a primeiros de abril para reflexionar, compartir, gozar e darlle pulo ao sector audiovisual. Logo non digades que non estabades convidados!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader