Carballo a un paso

Compartir:

41 espectáculos teatrais para 34 días de FIOT!

O Outono de Teatro ofrece tres estreas absolutas e 12 estreas en Galicia con compañías galegas, españolas, de Arxentina, Guinea Ecuatorial ou Suiza

Foto de familia na presentación do FIOT 2018

Foto de familia na presentación do FIOT 2018

Carballo muda un ano máis na capital galega do teatro co FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro). Serán 34 intensos días cun total de 41 espectáculos de todo tipo que invadirán cada recuncho da vila. As rúas, con propostas ao aire libre; os pubs e bares, coa Rúa dos Contos; as tascas e restaurantes con Dálle un Bocado ao FIOT; os comercios, galerías de arte e mesmo as vivendas carballesas, co certame m2; e, por suposto, o Pazo da Cultura enteiro, dende o auditorio, a outros espazos escénicos do edificio e mesmo as salas de exposicións. Todo para acoller espectáculos de Galicia, Castela e León, Cataluña, Madrid, País Vasco e Valencia, e tamén de compañías estranxeiras, de Arxentina, Guinea Ecuatorial e Suiza. E xirando darredor de tres eixos principais: a igualdade, o lecer e a incorpación dos xóvenes ao mundo do teatro.

Os bonos e as entradas soltas estarán á venda a partir do martes 25 de setembro en Internet en www.ticketea.com

Así, nesta edición os organizadores teñen posta a mirada en atraer aos xóvenes que naceron co cambio de século e que agora están a acadar a maioría de idade. Con esa finalidade programáronse espectáculos sobre a mocidade actual, os chamados "millennials" ou xeneración Z tanto na programación regrada coma no FIOTeen, que visitará os institutos de Carballo. Ademais, o FIOT tamén acollerá o teatro que están a facer as novas xeracións de actores, dramaturgos e directores. Así, a organización confía "en que as novas xeneracións se vexan representadas e que o FIOT non lles resulte alleo. Que sexan os nosos 'followers'".

Nomes propios

A Aula Municipal de Teatro animou a presentación do festival

A Aula Municipal de Teatro animou a presentación do festival

Este ano dous dos grandes nomes máis coñecidos do FIOT serán o de Lolita Flores e Tina Sáinz, as dúas na Fedra de Paco Bezerra; pero tamén volven vellos coñecidos do público do festival, como son Ron Lalá ou Inma Cuevas, que xa nos visitara con Constelaciones. E outros nomes moi de actualidade grazas á súa participación na serie Fariña son os de Touriñán e Carlos Blanco, que ofrecerán un Extra no Pazo da Cultura con Tito Asorey, un dos directores máis destacados de Galicia. Poñerán en escena a obra Somos criminais, case coma un aperitivo do FIOT xa o 30 de setembro.

O festival contará con nomes como Lolita, Touriñán, Carlos Blanco, Cándido Pazó, David Amor, Inma Cuevas...

Na Rúa dos Contos tamén teremos a nomes como David Amor xunto con outros contacontos de sempre como Avelino González ou Cándido Pazó. Estarán moitos dos imprescindibles da escena actual galega e do resto de España, ofertas que achegan novas perspectivas, que arriscan e que son orixinais nas suas creacions. Carballo será o escenario de obras de dramaturgos como o xa mencionado Paco Bezerra ou Luís Luque, Celso Giménez, Borja Fernández, Marta Buchaca, Alfredo Sanzol… Todos unidos baixo o paraugas do FIOT.

ENTRADAS: A PARTIR DO 25 DE SETEMBRO

  • BONOS (Programa de sala): SOCIOS AC TELÓN E APARTE: Do 17 ao 24 de setembro. PÚBLICO EN XERAL: A partir do 25 de setembro.
  • ENTRADAS SOLTAS (Extra, Programa Sala, OTNI e Mercado): Desde o 25 de setembro ata o día antes de cada función (socios: a partir do 17 de setembro).
  • FUNCIÓNS EN LOCAIS DE HOSTALARÍA CON ENTRADA: Nos propios locais a partir do 21 de setembro.
  • VENDA O DÍA DA FUNCIÓN: Na billeteira habilitada no espazo da función desde 90 minutos antes do inicio.


Ligazóns

Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader