Carballo a un paso

Compartir:

Os oubeos de A Banda da Loba: o venres en Carballo

Este quinteto de recente creación presenta o seu primeiro traballo, Bailando as rúas: o día 10 na Praza do Concello a partir das 22.30 horas

A Banda da Loba

A Banda da Loba nunha das súas actuacións

Este venres 10 de agosto a Praza do Concello de Carballo quedará invadida pola música en clave feminina de A Banda da Loba. Integrada por cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto, esta agrupación destaca pola creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres ou outros textos tomados dos poemarios de escritoras contemporáneas como a carballesa Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra. No caso da nosa poetisa local, precisamente a musicalización dun dos seus poemas dá título ao primeiro traballo discográfico do grupo: Bailando as rúas. E todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk… e fai do seu repertorio un fantástico caleidoscopio musical.

O grupo versionou un poema da escritora carballesa Rosalía Fernández Rial e con esa canción titularon o seu primeiro disco

Neste momento están a presentar por toda Galicia este primeiro disco no que contaron coa produción musical de Adrián Saavedra e as colaboracións de Guadi Galego e Tanxugueiras. Así, para o tema de Pepa, con letra e música de Xiana Lastra, contaron coa participación das cantareiras Olaia, Sabela e Aida do grupo Tanxugueiras. Tamén neste disco colaborou a cantante Guadi Galego na gravación de Ti e eu, baseada no poema de Celso Emilio Ferreiro, musicada e adaptada por Andrea Porto.

As orixes

A Banda da Loba

A Banda da Loba comeza a forxarse no verán de 2016, cando se xuntaron Xiana Lastra, Andrea Porto e Marcela Porto para comezar a artellar o seu proxecto. Posteriormente, uníronse ao grupo Inés Mirás e Estela Rodríguez, completando a formación musical. Cada unha das cinco compoñentes teñen unha historia musical diversa, que vai dende os instrumentos clásicos do conservatorio como piano,guitarra ou violín, até o tambor, pasando pola música coral ou as influencias da música pop e rock actual.

O nome do grupo tampouco foi escollido ao chou. As cinco músicas tiñan a idea clara de escoller un nome vinculado a unha figura feminina coa que se identificaran. Despois de desbotar varias ideas escolleron a Pepa a Loba, a lendaria bandoleira galega do século XIX. A identificación da banda con Pepa a Loba vén da pretensión de darlle valor á capacidade da muller e á necesidade de que a muller colla as rendas e sexa consciente de que pode facelo todo sen axuda de ninguén, como A banda da Loba as súas cancións, os seus discos, o deseño gráfico, a autoprodución da xira... Asemade, expresan o seu desexo de dar outra acepción á loba como animal, moitas veces empregada coma un insulto.

Así que, xa sabedes, se queredes unirvos á boa música e ao empoderamento feminino. tendes unha cita o venres 10 de agosto na Praza do Concello. De balde a partir das 22.30 horas!

A actuación conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Bailando as rúas


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica