Carballo a un paso

Compartir:

Verán escríbese coa V de volei na praia de Razo!

As redes están xa instaladas no areal carballés e os visitantes poderán usalas até o 31 de agosto en horario de 16.00 a 20.00 horas

Torneo-Foliada Concello de Carballo

Torneo-Foliada Concello de Carballo do ano 2017

Este verán escríbese con "V" de volei-praia. Se che gusta gozar á orilla do mar e tamén coa práctica do deporte, tes unha cita obrigada na praia de Razo. Dende primeiros de xullo e até o 31 de agosto, a explanada conta con pistas e redes de volei para que quen visite o areal poda tamén desfrutar coa competición sa e as tardes entre amigos. Están dispoñibles de 16.00 a 20.00 horas. E se non se che da moi ben o volei, non tes excusa para non probar, xa que haberá escolas para ensinar aos principiantes de todas as idades en horario de 17.00 a 18.00 horas nas mesmas pistas.

Continúan un ano máis as escolas para principiantes, nas mesmas redes da Explanada, en horario de 17.00 a 18.00 horas

E se o que che gusta do volei é a súa faciana máis competitiva, tamén temos unha programación para ti cun torneo que é tamén unha festa do deporte: o Torneo-Foliada Concello de Carballo. Será o sábado 11 e o domingo 12 de agosto e, ademais de campionato, haberá música, xogos sorpresa e unha paella para todos os participantes. Tamén queda pendente a celebración doutro torneo, neste caso de palas: a Festa San Xoán 3D3. Estaba previsto que tivese lugar en xuño durante as celebracións patronais, pero tivo que ser adiado por culpa das tormentas. Estade atent@s porque pronto anunciaremos as novas datas.

Premio Agustín Mourís

A programación de volei seguirá, como en estíos anteriores, a animar as tardes da praia de Razo. E, como novidade, este ano a organización decidiu engadirlle ao torneo de agosto un aliciente máis: o Premio Agustín Mourís na honra do concelleiro do PSOE noiés e un dos pioneiros do voleibol na Costa Morte, falecido en agosto de 2017. O galardón recoñecerá o labor deportivo e en valores dalgún dos xogadores ou xogadoras que participen no torneo. Hai que lembrar que as actividades de volei na praia de Razo están organizadas pola Asociación Deportiva e Cultural Voleipraia Costa da Morte, en colaboración co Concello de Carballo. O cartel da actividade, ademais, ten como protagonistas a xogadores e xogadoras do municipio.

Se queredes máis info ou inscribirvos xa no torneo, podedes facelo en www.facebook.com/volei.razo e no teléfono 606 400 858.


Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader