Carballo a un paso

Compartir:

Preto de 1.400 corredores participan o domingo 17 de xuño na 10K Carballo!

A carreira popular ten un percorrido homologado de 10.000 metros e encherá as rúas de Carballo de atletas de todas as idades

Percorrido dos máis cativos e cativas en anteriores edicións

Percorrido dos máis cativos e cativas en anteriores edicións / Foto: Carballo Deporte

Xa está pechada a inscrición para a carreira 10K Carballo, unha cita que ten oito anos de antigüidade e que un ano máis encherá as rúas da vila de corredores e corredoras de todas castes, dende os 7 anos dos máis "pitufos" ata os máis veteranos, sen límite de idade. En total serán 1.368 persoas de todas as categorías as que tomarán a saída. A cita terá lugar o domingo 17 de xuño a partir das 11.00 horas, con comezo na rúa Gran Vía e meta na rúa Colón nun percorrido urbano homologado de 10.000 metros que forma parte desde a súa creación do Circuíto provincial de carreiras populares Deputación da Coruña, composto por trinta probas. A cita carballesa é a segunda en puntuación de todo o circuíto, conseguindo superar a probas de gran tradición que levan máis de trinta edicións, o que confirma unha mellora continua que a converte nun referente do calendario atlético popular da provincia

Na carreira absoluta hai un total de 730 inscritos e inscritas, mentres que nas pitufo, benxamín, infantil e xuvenil atopamos 638

Nesta edición, na carreira absoluta hai un total de 730 inscritos e inscritas; e nas pitufo, benxamín, infantil e xuvenil atopamos 638. Mentres que os participantes na categoría absoluta deberán realizar o percorrido de 10.000 metros ao completo, o resto contarán cun circuíto adaptado, nomeadamente os pitufos, que sairán os últimos para percorrer entre 50 e 150 metros arredor da Praza do Concello, para que a cita sexa tamén para eles unha festa do atletismo. Ademais, os maiores teñen o incentivo de intentar batir o récordo do circuíto, que está establecido en categorías masculina e feminina, en 32:47 e 34:31 minutos acadados por Abdelaziz Fatihi e Paula Mayobre, respectivamente.

Percorrido por 21 rúas

A carreira implica a mobilización de arredor de 100 persoas entre persoal organizador do Concello, Policía Local e voluntariado tanto do tecido asociativo do deporte local como de Protección Civil. Tamén haberá cortes de tráfico para facilitar o desenvolvemento da proba, que transcorrerá polas rúas Gran Vía, Vázquez de Parga, Ánxel Fole, Enrique Sánchez, Ponte da Pedra, Perú, Luis Calvo, Castelao, Alexandre Bóveda, Avda. de Fisterra, Río Anllóns, Río Sil, Río Lérez, Río Miño,Río Anllóns, Fomento, Camiño Novo, Vázquez de Parga, Valle Inclán, Colón e Desiderio Varela con iclusión de punto de avituallamento a altura aproximada do Km 5,2 na rúa Gran Vía e dúas voltas para completar os 10 quilómetros.

Os especialistas xa levan moito tempo preparándose para o desafío, pero o circuíto, sen grandes pendentes, moitas rectas e con picos altos de velocidade, é apto para calquera 'runner' que queira probar xa que está aberto a todos os perfís de corredores porque o obxectivo é tamén que sexa unha festa do deporte, na que o público tamén pode vivir o ambiente e pasar unha mañá diferente na vila.

Así que xa sabedes... Agardámosvos en Carballo!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica