Carballo a un paso

Compartir:

Se queres un reto deportivo: participa na 12 Horas BTT de Carballo!

A cita será o sábado 21 de xullo nun circuíto de 8,6 quilómetros no Parque Empresarial de Bértoa en modalidades individual e de equipos por relevos

Un momento da proba celebrada en 2017 Foto: Organización 12 Horas BTT

Un momento da proba celebrada en 2017 / Foto: Organización 12 Horas BTT

Un ano máis volve o reto das 12 horas BTT de Carballo, unha proba deportiva de resistencia en bicicleta de montaña que pon a proba aos seus participantes, que acumularán voltas nun circuíto de 8,6 quilómetros durante as 12 horas de duración da competición, de 9.00 a 21.00 horas do sábado 21 de xullo. O ano pasado os gañadores en categoría individual fixeron gala da súa resistencia, xa que Víctor G. Gende tivo que percorrer máis de 227 quilómetros para acadar a victoria e Vero Iglesias preto de 170, cunhas velocidades medias de 19,9 e 14 quilómetros por hora, con picos de ata 45 e 42, respectivamente. Non está mal, verdade?

As inscricións poderán formalizarse até o domingo 8 de xullo e inclúen almorzo, comida, cea e avituallamento

Atrevédesvos a facer o mesmo?  Ou simplemente queredes facer algo de deporte en compañía? Ou probarvos a vós mesmos? Para iso só tendes que formalizar a vosa inscrición antes do domingo 8 de xullo nesta ligazón: 12hBTTCarballo. Se tes os 16 anos cumpridos e non pasas dos 75, esta é a tua proba, aínda que quen estea no rango de idade de 16 e 17 anos deberá contar cunha autorización materna ou paterna, e só poderá participar no formato de equipos, sempre baixo a tutela dun maior de idade. A inscrición inclúe almorzo, comida, cea e avituallamento durante a competición.

Individual e relevos

Como cada ano, a proba conta con modalidade individual, pero tamén con modalidade de equipos por relevos, en categorías masculina, feminina e mixta que deberán participar no circuíto situado no Parque Empresarial de Bértoa de Carballo e que ten unha duración de percorrido aproximada de entre 30 e 40 minutos. En canto aos premios, ademais dos trofeos para os tres primeiros clasificados, haberá detalles conmemorativos: para o club máis numeroso, para o participante que veña de máis lonxe ou para os deportistas de maior e menor idade.

Respecto da seguridade, a proba disporá de zona de acampada, dúas ambulancias, médico, técnicos sanitarios, hospital de campaña e persoal de protección civil; ademais, cada inscrito contará cun seguro deportivo. Así mesmo, haberá servicio de fisioterapeuta gratuíto, taller mecánico gratuíto, control de voltas por chip e un agasallo conmemorativo.

Como vedes, a proba teno todo: un reto deportivo, unha xornada de convivencia, seguridade, agasallos e moita diversión. Vinde un ano máis ás 12 horas BTT da Asociación Deportiva Media Ducia e o Concello de Carballo. Vémonos o 21 de xullo!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica