Carballo a un paso

Compartir:

Carballo aposta pola promoción dos viños galegos a través da iniciativa “Beber do país”

Do 24 ao 26 de novembro as persoas que o desexen poderán participar no túnel do viño que se instalará no primeiro andar do Mercado Municipal

Beber do país

Presentación, en rolda de prensa, da iniciativa Beber do país

O Concello de Carballo dá un novo paso no seu compromiso coa promoción dos produtos galegos, e desta volta implícase nunha iniciativa da Asociación Galega de Viticultura e a Fruga (Federación Rural Galega) para dar a coñecer os viños galegos. Beber do país é a denominación dunha campaña que se ten desenvolvido nos últimos anos en distintas cidades galegas, e que chega agora á nosa vila para “divulgar a calidade dos nosos viños”. Explicouno hoxe Manuel Dacal, que presentou a iniciativa acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, e a técnico de Turismo, Maite Parga.

Beber do país desenvolverase do 24 ao 26 deste mes no primeiro andar do Mercado Municipal, onde se instalará un túnel do viño que permitirá que o público asistente poida ir catando as distintas variedades e elaboracións de cada unha das adegas participantes. “Haberá enólogos e sommelieres que irán explicando os viños e dando orientacións de cata para aprecialos”, explicou Manuel Dacal. A intención da Asociación Galega de Viticultura é que estean representadas as 5 denominacións de orixe e as 4 indicacións xeográficas protexidas que existen en Galicia.

Programa e solicitude de convites

A actividade comezará o día 24 cunha mesa redonda na que participarán especialistas de prestixio, e posteriormente realizarase unha cata comentada. Os días 25 e 26, de 12 a 14.30 e de 18 a 20.30 horas, abrirase o túnel do viño. A entrada será gratuíta, pero con invitación. A técnico de Turismo explicou que desde o Concello de Carballo trasladaranse os convites aos sectores da hostalaría e da distribución, que son os principais destinatarios da iniciativa, pero tamén se abrirán as portas ao público en xeral. As entradas poden solicitarse xa no Museo de Bergantiños, tanto por teléfono como a través do correo electrónico museo@carballo.gal, e tamén na mesa redonda do día 24.

O obxectivo é degustar e promocionar o viño das distintas zonas do país, e para iso a xente vai pasando e comentando os viños con profesionais especializados”, explicou Manuel Dacal

Manuel Dacal insistiu en que non se pretende organizar un evento de masas, aínda que hai 1.000 convites dispoñibles, nin un acto ao que a xente vaia beber. “O obxectivo é degustar e promocionar o viño das distintas zonas do país, e para iso a xente vai pasando e comentando os viños con profesionais especializados”,  matizou. O alcalde de Carballo destacou a calidade dos viños galegos. “En Galicia temos algúns dos mellores brancos do mundo, e nos tintos aínda queda nicho de mercado. Por iso –engadiu- está ben que se fagan este tipo de eventos, para que a xente se dea conta de todos os valores que xera o viño”. Manuel Dacal engadiu que Galicia está en condicións de competir con Rioja ou Ribera del Duero, e que este tipo de actividades están deseñadas tamén para facer fronte ao que denominou como “riojitis”,”unha enfermidade que temos que combater promocionando os nosos viños”.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica