Carballo a un paso

Compartir:

“Somos rúa, facemos arte”, unha nova proposta municipal que achega a arte contemporánea ao espazo urbano de Carballo

A iniciativa da Concellaría de Promoción Económica, aberta á participación cidadá, inclúe intervencións pictóricas, percusión, danza, mimo e clown

Somos rúa

Maite Parga, Evencio Ferrero, Paula Cabaleiro e Xosé Regueira, na presentación do programa

A Concellaría de Promoción Económica e Normalización Lingüística pon en marcha, Somos rúa, facemos arte, unha proposta da promotora e comisaria de arte contemporánea Paula Cabaleiro que terá lugar esta fin de semana (días 17, 18 e 19 de novembro) na Praza do Concello e que achegará actividades en directo e interacción dos artistas co público de todas as idades, cunha atención moi especial para os máis pequenos. A do coruñés Héctor Francesch e a do estremeño residente en Sevilla Rubén Fernández Castón serán dúas intervencións de pintura expandida: pintura na que se traballan a composición e a cor pero espallada polo espazo (neste caso, a Praza do Concello). Estas dúas intervencións complementaranse con dúas pezas escénicas focalizadas na percusión (a de Dúas: a ourensá Marta Figueiredo e a sadense Sabela Caridad), e na danza, no mimo e no clown (a de Cía Projecto C-F Dance: Arturo Cobas e a ourensa Paula Quintas).

Dentro do seu obxectivo de apostar pola implicación da cidadanía, achegando arte contemporánea ao espazo urbano de Carballo, Somos rúa, facemos arte promove tamén a participación do tecido asociativo da vila. Así, hai xa pechadas colaboracións con Aspaber e Creaformas, entre outras entidades. Ademais, o proxecto difundiuse en todos os centro escolares do municipio para que os pais animen aos seus fillos a achegarse á Praza do Concello e non ser só simples espectadores, senón tamén protagonistas. Todos os que queiran botarlle unha man a Héctor Francesch e a Rubén Fernández deben poñerse en contacto coa Oficina de Información Turística mandando un email ao enderezo electrónico museo@carballo.gal.

Actividades na Praza do Concello

Os Aerodibuxos de Héctor Francesch

Os Aerodibuxos de Héctor Francesch

  • Os Aerodibuxos de Héctor Francesch, o venres 17, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00. Peza colaborativa: participa!
  • A peza de percusión Minimal, de Dúas, o venres 17, ás 19.30.
  • Quercus Robur, de Rubén Fernández Castón, o sábado 18, de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00, e o domingo 19, de 11.30 a 13.00. Peza colaborativa: participa!
  • A peza de danza, mimo e clown Diálogos de intento, de Cía Projecto C-F Dance (Arturo Cobas e Paula Quintas), o domingo 19, ás 13.30.

Presentación do proxecto

De Somos rúa, facemos arte falaron na presentación do proxecto, en rolda de prensa, o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira; a técnico de Turismo, Maite Parga, e a comisaria do proxecto, Paula Cabaleiro.
“A proposta que nos fixo no seu día Paula Cabaleiro, que é a encargada de levar o comisariado destes eventos que presentamos hoxe e unha das máis prestixiosas programadoras de arte contemporánea en Galicia, resultounos atractiva porque encaixa perfectamente co espírito e coa filosofía que temos dentro de Turismo Carballo e Promoción Económica: sacar a maior actividade posible á rúa, democratizar a arte e poñela ao alcance de todo o mundo, e tamén que chegue a discusión sobre a arte e sobre a cultura ás rúas de Carballo”, afirmou Regueira. “E iso fácemolo –engadiu- coa convicción absoluta de que a cultura sirve para proxectar economicamente a sociedade, e de que lle dá tamén un valor engadido a todo que se merca e se vende nesa ágora que son as rúas de Carballo”.

Somos rúa, facemos arte, explicou Cabaleiro, “ten moito sentido en Carballo, porque trata de democratizar ese proceso creativo facendo partícipes a todos os veciños. Cando artellamos este programa eu tiña claro que se tiña que artellar con todo o que xa tedes en Carballo, como a presenza da arte mural e da arte urbana e tamén dun festival tan importante como o FIOT”, engadiu. “Tiñan que ser artes plásticas, artes escénicas e musicais, pero que non pisasen este tipo de programación que xa hai en Carballo e que está moi ben resolta. Por iso tamén buscabamos pezas que puidesen ser resoltas en colaboración coa cidadanía, e por iso apostamos por dúas propostas de pintura expandida”.

“Estes proxectos deben nacer -defendeu Ferrero- para goce de todos pero con vocación de continuidade no tempo: de pouco serven proxectos efémeros, que ás veces están moi ben, pero hai que pensar en crear espazos de referencia. En Carballo temos iconas no eido da creación que son de moito éxito, e así Somos rúa, facemos arte vén ser un complemento moi atractivo á xa moi rica, intensa e diversa, e moi seguida, programación que se ten no noso concello. Ben está que se aposte pola rúa, porque a rúa ten que ser un espazo de encontro e non de escape: esa ágora que ten que ser a Praza do Concello, tan mutante ao longo das horas do día, e que tamén sirva para acoller creacións artísticas”.


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica