Carballo a un paso

Compartir:

Son Carballo: a nosa música, na nosa lingua con dez dos nosos grupos

Sonseis+, Lowcos, Portakomporta, Versión Imposible, Surf&Sun, Killer Cats, The Cerne, Dude, Crú e Nanny Mouro no CD O soño da avelaíña

A nosa música, cos nosos grupos e na nosa lingua. Así xorde o proxecto Son Carballo no que dez agrupacións musicais do municipio gravaron un tema, propio ou versionando a outras formacións, en lingua galega, ademais dunha canción conxunta E pousa, e un video clip no que todos achegaron o seu grao de area. Segundo explica Nanny Mouro, encargado de realizar os arranxos, o Concello, responsable da iniciativa, deixou moita liberdade creativa, de tal forma que cada quen puido reflectir nas cancións o seu estilo propio e a personalidade do seu grupo. De feito, hai temas que van dende o metal ata o rock, o pop ou os sons máis tradicionais.

O vídeo, E pousa, foi realizado con cada grupo gravando unha parte da canción que logo se uniu para realizar unha versión distinta e moi orixinal do clásico tradicional galego Pousa, pousa.

Son Carballo é o nome do proxecto e O soño da avelaíña o título deste primeiro disco. O motivo, aclara Nanny, porque "son uns insectos que só saen de noite e voan cara a luz", o que lles pareceu unha boa analoxía cos músicos. A porta está aberta para a incorporación de máis grupos e a gravación dun segundo disco no futuro. Este CD contén as seguintes cancións:

  • Sonseis+ Mulher rendeira
  • Lowcos A Mina
  • Portakomporta Queda Sally
  • Versión Imposible Da terra ao mar
  • Surf&Sun Non botes o lixo no mar
  • Killer Cats Os Traskis
  • The Cerne Vintepordous
  • Dude Problemas
  • Crú Revolución
  • Nanny Mouro Lela

E, por último, unha canción coa colaboración de todos e todas: Amálgama, E pousa.

Mil copias e descarga gratuíta

O CD contén versión de cancións moi coñecidas como Mustang Sally ou temas orixinais como Non botes o lixo no mar

O Concello editou 1.000 copias do CD, das que cada grupo levou 25 para repartir. O resto está previsto distribuílos entre centros de ensino e entidades culturais e tamén está previsto outras formas de distribución que se irán desvelando no futuro. 

E para que todas as persoas que o desexen podan gozar co Son Carballo, está previsto poñer O soño da avelaíña a disposición de todos os veciños e veciñas mediante descarga directa e gratuíta nos próximos días. Estade atentos e atentas!

*Son Carballo é un proxecto do Concello de Carballo coa realización dun videoclip a cargo de Mama lola studios, a gravación do disco na Escola da Rúa, e o deseño gráfico do disco foi a cargo de Estratexia comunicación. O arranxo da canción do videoclip é de Nanny Mouro.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica