Carballo a un paso

Compartir:

All Star de billarda en Carballo

A Liga Nacional de Billarda organiza este sábado en Carballo un all star, onde poderás aprender a xogar e ver aos campións galegos en acción.

Para xogar á billarda non fan falta especiais habilidades físicas. Só é preciso ter ganas e un algo de habilidade á hora de darlle cun pau (a panca, palán ou varal) a outro máis pequeno para lanzalo o máis lonxe posible. En Carballo, á xente maior de cincuenta anos probablemente lle traerá recordos dos xogos da infancia. Se queres aprender, se queres practicar ou se queres ver en acción aos campións galegos deste xogo tradicional que, na última década, se está a recuperar, o sábado terás unha oportunidade única de facelo.

Carballo acolle un All Star de Billarda, organizado pola Liga Nacional coa colaboración do Concello e de Carballo Deportes. Será nas pistas do Chorís e irá acompañado dun programa de actividades paralelas no que non faltarán nin foliada (no Patacón) nin concertos, da man dos vigueses Vacaloura e os cercedenses Xenderal e 12 Labirinto.

Tradicional e inclusivo

)

Os All Star xa se teñen celebrado outros anos en lugares como Muimenta, Cerceda e O Pino.

O obxectivo é dar a coñecer, potenciar e difundir a billarda. Esta será a primeira ocasión en que se organice na nosa vila co fin de axudar a recuperar unha tradición que se perdeu nas últimas xeracións.

Como meta futura, ao carballés Sergio Caamaño, integrante da Liga Nacional e membro da organización, gustaríalle conformar en Carballo un equipo propio. Na Coruña e en Cerceda xa contan cos seus, que conforman a conferencia Noroeste, unha das cinco que existen en Galicia, e que constitúen a Superliga Galega de Billarda.

Foliada, rock e rap

Para xogar á billarda non fai falta especial preparación. Nos abertos, dinos Sergio, adoitan participar dende cativos e cativas de doce anos até xente maior de mesmo 70 ou 80 anos, e mulleres e homes compiten xuntos. 

Se te animas, achégate ás tres e media da tarde ás pistas do barrio do Chorís (no pavillón do colexio Fogar, se chove), onde terá lugar o concurso de triples e de mates, e mais o aberto all star. A organización prevé a participación do actual "coroceiro" nacional, o campión de Galicia, Daniel Rodríguez, de Ribadeo, e tamén de dous bicampións, Marcos Rodríguez e Rubén Otero.  

Á tardiña, as billardas darán paso aos instrumentos. Ás oito da tarde comezará a foliada no Patacón e, despois, ás dez e media, a música trasladarase á Sala A Reserva, onde actuarán Os Vacalouras, co seu particular estilo pataca´nroll ; os 12 Labirinto, co seu menú de temas propios e versións de bandas como Barón Rojo, Barricada ou Os Suaves, e mais Xenderal, ese cercedense que xa é un referente coa súa combinación de ragga, rap e beatbox


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica