Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Comezan as obras de remodelación do Museo de...

Compartir:

Comezan as obras de remodelación do Museo de Bergantiños

As visitas ás instalacións quedan suspendidas e a Oficina de Información Turística abrirá ao público só en horario de mañá a partir do 22 de xaneiro

O edificio está situado na rúa Martín Herrera, no centro de Carballo

O edificio está situado na rúa Martín Herrera, no centro de Carballo

A piques de cumprir 160 anos, o Museo de Bergantiños, antigo cárcere e sede da Oficina de Información Turística de Carballo, será obxecto dun proxecto de conservación e rehabilitación para protexer e poñer en valor un dos edificios emblemáticos do noso concello e un dos seus principais recursos turísticos. Con motivo destes traballos, a partir do martes 22 de xaneiro de 2019 quedan suspendidas todas as visitas ao Museo para facilitar as obras de remodelación. Ademais, a Oficina de Información Turística situada na planta baixa abrirá só de luns a venres en horario de mañá, de 11.00 a 14.00 horas e mentres as obras o permitan. En cambio, as oficinas municipais de Promoción Económica e Turismo situadas no primeiro andar funcionarán con total normalidade. Pedimos de antemán desculpas polas posibles molestias ocasionadas.

O prazo de execución estipulado para as obras no contrato é de tres meses cun orzamento de 207.000 euros

As obras serán executadas pola empresa Desarrolla Obras y Servicios SL cun orzamento de 207.139,90 euros e cun prazo de execución estipulado no contrato de tres meses. Os traballos consistirán na reparación da fachada para evitar as filtracións de auga, a mellora da instalación eléctrica e a iluminación, a reforma dos aseos, o acondicionamento da cuberta, a instalación dun sistema de ventilación e climatización eficiente, a colocación de novas portas de acceso ás plantas baixa e alta, o redeseño do mostrador de recepción e atención ao público, a incorporación dun falso teito de vidro no patio interior e a pintura, entre outras actuacións menores. Para completar o proxecto, está prevista a instalación de bancos e dunha bandeirola de sinalización no exterior.

Un edificio con historia

O edificio do Museo de Bergantiños, que funciona tamén coma Oficina de Información Turística e sede dos departamentos municipais de Turismo e Promoción Económica, foi construído no ano 1855 para albergar o cárcere e o xulgado de primeira instancia de Carballo. Nos anos 90 do século pasado, o edificio foi sometido a unha profunda reforma deseñada polo prestixioso arquitecto Manuel Gallego Jorreto, que culminou coa apertura do complexo actual no 2002. O inmoble primitivo figura entre os elementos con protección no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

O Museo permite achegarnos á cultura, á historia e aos costumes das terras bergantiñás. Conta no seu baixo con varias salas dedicadas á nosa comarca, e mais unha centrada na Costa da Morte. A través delas pode coñecerse máis sobre a nosa paisaxe, a nosa tradición agrícola, o pan, que é o noso produto estrela, ou sobre a historia de Carballo. O museo presta especial atención á liña de trolebuses Carballo-A Coruña, a primeira liña de estrada que se electrificou en España.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica