Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Carballo promociona os seus mellores produtos en...

Compartir:

Carballo promociona os seus mellores produtos en Xantar

O Concello estará na feira internacional de turismo gastronómico do 3 ao 7 de novembro con showcookings, degustacións e un stand propio

Xusto Posse e Nacho Novoa, chefs e xerentes do restaurante Albaroque

Xusto Posse e Nacho Novoa, chefs e xerentes do Albaroque

2 de novembro de 2021 - O pan, as conservas, o chocolate, a empanada, o pan de ovo e unha mostra do bo facer da hostalería carballesa estarán presentes na 22 Feira Internacional de Turismo Gastronómico Xantar. A cita ten lugar en Ourense do 3 ao 7 de novembro e Carballo, a través da Concellaría de Turismo e Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira, contará cun stand propio no que exhibir o mellor da gastronomía da vila e no que tamén promocionar toda a nosa oferta turística. O obxectivo é aproveitar esta excelente plataforma para dar a coñecer todas as posibilidades do municipio como destino.

O posto de Carballo estará aberto a diario no horario de apertura da feira, de 12.00 a 21.00 horas excepto o domingo, o último día, no que se pecha ás 19.00 h. Os e as visitantes a Xantar poderán atopar no noso posto unha selección de produtos das panadarías carballesas, ademais dunha mostra de Chocolates Mariño, Conservas Calvo e Licores Bello Blanco. Ademais, quen se acheguen á feira atoparán no noso stand información turística xeral sobre Carballo: mar, praias, lecer, arte urbana, surf, termalismo, férvedas, patrimonio…

Showcooking

Por último, o programa de Carballo en Xantar complétase con desgustacións de produtos das panaderías da vila e cun showcooking. As degustacións serán todos os días ás 13.00 h. con pan, pan de ovo e empanada. O showcooking terá lugar no stand da Deputación da Coruña e correrá a cargo do chef Xusto Posse Rodríguez do restaurante carballés Albaroque. Será o día de apertura, o mércores 3 de novembro ás 19.00 h. e o seu título é o seguinte: “Sabores da gastronomía local: bacallau ao pil pil con fabiñas de Carballo”. Unha maneira de dar a coñecer a excelente e variada oferta gastronómica da nosa vila coa que as e os asistentes a Xantar seguro que chuparán os dedos.

Falamos con Xusto Posse, un dos chefs do restaurante Albaroque, para que nos fale do seu establecemento e do que van facer en Xantar:

  • Por que Albaroque? Xurdiu nunha conversa cuns amigos. Estabamos buscando un nome con gancho que non fose moi coñecido, pero que estivese relacionado coa cociña ou con comidas con amigos ou de traballo. A verdade é que gustounos a todos.
  • Produto favorito de Carballo… Hai moitísimos produtos bos, pero gústannos moito as fabas. Son de tanta calidade que mesmo se comercializan como asturianas. Tamén os repolos e grelos que fan que os nosos caldos e cocidos sexan inmellorables.
  • Produto favorito da Costa da Morte… Temos unha despensa moi variada e de calidade. Non só de peixes e mariscos, senón de produtos cárnicos. No Albaroque utilizamos habitualmente case todos os produtos de tempada e de proximidade.
  • En Xantar imos cociñar… Bacallau ao pil pil a baixa temperatura, fabiñas de carballo, menta e un crocante da súa propia pel. No Albaroque gústanos moito a cociña tradicional con produtos como as fabas, e Carballo ten moita tradición de bacallau.
  • Un capricho gastronómico… uns bos percebes do Roncudo.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica